O xuízo ao traballador de ENCE polo 'escrache' ao alcalde será o xoves

Pontevedra
30 de abril 2022

Un ano de prisión e unha multa de 1.470 euros. É a condena que solicita a Fiscalía para Ramiro Cerdeira, o traballador de Ence ao que acusa dun delito de atentado á autoridade polo escrache que, en marzo de 2021, sufriu o alcalde de Pontevedra. O xuízo contra el, o único que acabou imputado por estes feitos, está fixado para o vindeiro xoves 5 de maio na Audiencia de Pontevedra

Ana Cedeira, presidenta do comité de empresa de oficinas centrais de Ence, e Ramiro Cerdeira, delegado de CCOO no comité de fábrica Mónica Patxot

Un ano de prisión e unha multa de 1.470 euros. É a condena que solicita a Fiscalía para Ramiro Cerdeira, o traballador de Ence ao que acusa dun delito de atentado á autoridade polo escrache que, en marzo de 2021, sufriu o alcalde de Pontevedra.

O xuízo contra el, o único que acabou imputado por estes feitos, está fixado para o vindeiro xoves 5 de maio na Audiencia de Pontevedra.

O escrito de acusación, que divulgou este venres a Fiscalía, relata que Ramiro Cerdeira, en compañía doutros traballadores da compañía pasteira, accedeu ao edificio municipal en Michelena 30 sobre as once e media da mañá.

Tres horas despois, cando o alcalde e varios dos seus concelleiros abandonaban estas dependencias, o acusado "tentou abalanzarse" sobre o tenente de alcalde, algo que segundo o fiscal impediron os axentes da Policía Local.

Os traballadores, que mantiveron o seu escrache nos exteriores do Concello, acompañaron a Fernández Lores ata o aparcamento no que estaba o seu vehículo particular e, cando este saía del, "foi necesario realizar outro cordón policial".

O fiscal reflicte no seu escrito que catro traballadores de Ence impedían "con berros e insultos" a saída do coche do rexedor, entre eles Ramiro Cerdeira, "que chegou a dar dúas patadas" ao vehículo e dicirlle "fillo de puta, me cago na túa puta nai".

O acusado, engade o representante do ministerio público, tiña "pleno coñecemento" de que as persoas que saían do concello eran o alcalde e os seus concelleiros e que quen conducía o vehículo ao que deu patadas era do alcalde.

A pesar diso, conclúe o fiscal, realizou todos estes actos "desprezando o principio de autoridade" que lle confire a Lores o seu cargo como alcalde de Pontevedra.

O traballador, segundo explicou nunha rolda de prensa o pasado mes de decembro, alega que o único que fixo ese día foi "defender o meu posto de traballo" e asegura que "non fixen nada nin maltratei a ninguén", defendendo que "non son un delincuente".

O seu defensa estará centrada en que o coche do rexedor non sufriu ningún dano e que o delito de atentado contra a autoridade non pode aplicárselle a el a título particular cando se tratou dunha protesta colectiva dos traballadores de Ence.