O xuíz paraliza temporalmente a demolición dunha vivenda en primeira líña de praia no Grove

O Salnés
19 de febreiro 2014
Actualizado: 19:05

O xulgado paralizou o derrubo de xeito temporal. A construción foi declarada ilegal hai máis de 10 anos. No canto de proceder á demolición do construído, o propietario continuou coas obras e rematounas. A Xunta lamenta a creación de plataformas que poñen trabas á reposición da legalidade urbanística, prexudicando o interese xeral da maioría que cumpre a lei

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística iniciou este mércores a demolición dunha segunda vivenda construída en primeira liña de praia, sen licenza municipal e sen licenza autonómica, ubicada en solo rústico de protección de costas no lugar de Pipas, Reboredo, no Concello do Grove.

Os responsables da Axencia atrasaron o derrubamento para permitir aos propietarios retirar algunhas das súas pertenzas do interior da casa. Posteriormente, foi un xuíz o que paralizou o derrubamento de forma temporal tras presentar os propietarios un recurso polo vencemento do prazo de entrada na propiedade para a demolición, previsto para o luns pasado, e non ter comunicado a nova execución.

Esta vivenda unifamiliar foi obxecto dunha orde de paralización de obras por parte deste Concello en 2002 e un ano despois foron declaradas ilegalizables, é dicir, hai máis dunha década. Asemade, a orde de demolición foi confirmada por sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o 31 de outubro de 2007. Esta sentenza foi declarada firme en marzo de 2009.

Transcorrido o prazo concedido ao interesado para que procedera á demolición, se lle impuxeron ata cinco multas coercitivas. Ante a persistencia no incumprimento da orde, dítase acordo de execución subsidiaria a costa do interesado, que interpón un recurso contencioso administrativo, finalmente desestimado por un xulgado de Pontevedra en xaneiro de 2011.

Nun comunicado feito público dende a Xunta, laméntase a creación de "plataformas que poñen trabas á reposición da legalidade urbanística, defendendo os intereses particulares de persoas que construíron á marxe da lei e prexudicando con elo os intereses xerais da inmensa maioría de cidadáns que respectan a legalidade".