O Xefe do Estado Maior do Exército destaca o "excelente nivel de preparación" da Brilat

Pontevedra
27 de setembro 2012

O xeneral Jaime Domínguez Buj realizou a súa primeira visita ás instalacións da Brigada e desexoulle "moitos éxitos" no seu próximo despregamento en Afganistán

O JEME durante a súa vista á base da Brilat en Figueirido BRILAT OC

As unidades da Brigada de Infantaría Lixeira (Brilat) Galicia VII teñen un "excelente nivel de preparación", apreciable tanto nas súas accións en España coma nas súas misións no exterior. Así o destacou o xefe de Estado Maior do Exército (JEME), o xeneral de Exército Jaime Dominguez Buj, na súa primeira visita ás bases da Brigada en Figueirido e Cabo Noval (Asturias) dende a súa chegada ao cargo.

O JEME coñeceu o traballo e os exercicios de preparación da Brigada en ambas as dúas bases. Segundo difundiu a Brilat nun comunicado, ao termo da visita, resaltou o traballo realizado polos militares na operación Sentinela Galega de prevención contra os incendios forestais en Galicia e nas súas misións no exterior.

O xeneral Dominguez Buj referiuse de forma específica á misión que a Brilat asumirá a partir de finais de outubro en Afganistán e desexou "moitos éxitos ao próximo continxente". Fíxoo despois de presenciar, primeiro en Asturias e, posteriormente, en Figueirido (onde se desprazou en helicóptero) actividades do módulo de adestramento que se estaban a realizar relacionadas co futuro despregamento no país asiático.

En Asturias recibírono o xeneral xefe da Brilat, Jose Antonio Alonso Miranda, e o xefe do Rexemento 'Príncipe 3', o coronel Fernando García GonzalezValerio, que asumirá o mando do próximo continxente ASPFOR XXXII (Forza española en Afganistán) e lle explicou os detalles da instrución e o escenario que se encontrará a Brigada no seu despregamento.