O Goberno local de Poio levará ao pleno ordinario de marzo, que terá lugar o vindeiro martes día 29, unha modificación orzamentaria que permitirá impulsar diferentes actuacións, entre elas figura a adquisición dos terreos para a construción do futuro centro de saúde.
O concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, informou que o investimento previsto é de 300.000 euros, que se financian a cargo do Remanente de Tesourería, un saldo positivo resultante da liquidación do Orzamento de 2021, e cuxa contía total ascende a máis de 2,6 millóns de euros.
Unha vez reciba a aprobación da Corporación, o Goberno municipal xa estará en disposición de iniciar o proceso de licitación pertinente. En canto se complete esta tramitación, os terreos serán cedidos á Consellería de Sanidade para que acometa a construción do novo centro de saúde.
O Goberno local de Poio considera "imprescindible" este equipamento para que a veciñanza poida gozar "do servizo sanitario que merece" e que actualmente é "moi deficitario". Segundo sinalan "a falta de recursos materiais e de persoal que padecen desde hai anos os centros sanitarios de Anafáns e Combarro, ademais do consultorio de Raxó, levan moito tempo provocando listas de agarda interminables e unha gran saturación".