O Vial de Praias, candidato de novo a Sendeiro Azul coa vista posta na mellora da súa accesibilidade

Marín
22 de xaneiro 2022

A concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, explicou que o Concello de Marín ven de remitir á Adeac a renovación da certificación do Vial de Praias como Sendeiro Azul

Vial das praias de Marín

A concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, explicou que o Concello de Marín ven de remitir á Adeac a renovación da certificación do Vial de Praias como Sendeiro Azul.

A unión que consegue este itinerario peonil, cunha parte tamén de senda ciclista, de praias de Bandeira Azul fixérono merecedor deste galardón medio ambiental nos últimos anos e todo indica que, de novo, o organismo certificador revalidará este distintivo para o Sendeiro marinense.

"Sabemos que o noso Vial de Praias é un activo non só turístico, senón tamén medio ambiental que debemos preservar, coidar e mellorar", aseguran fontes municipais. Precisamente, nesa liña está prevista a actuación de mellora da mobilidade no Vial, enmarcada no Plan de Sustentabilidade Turística de Marín, dotado con 2,5 millóns de euros, financiados a través dos fondos europeos Next Generation da Unión Europea.

Os obxectivos deste proxecto serán a mellora integral do itinerario peonil-ciclista, dotándoo de seguridade, conectándoo coa rede ciclable que acaba de facer no centro urbano de Marín na Avenida de Ourense e mellorando, en xeral, todas as barreiras de accesibilidade que hai nos accesos ás praias ao longo do trazado do vial. A actuación completaríase coa colocación de aparcamentos para as bicicletas.

Por outra banda, mellorarase a iluminación naqueles puntos nos que aínda non haxa iluminación LED, a pesar de que gran parte do viario xa foi renovado neste sentido.

DERRIBA DO ANTIGO MERCADO DE CANTODAREA

O Concello de Marín anunciou a inminente derriba do antigo mercado de Cantodarea. Esta estrutura, que data de 1964, é exemplo de feísmo neste barrio marinense, ao tratarse dunha construción medio derruida que, coa súa desaparición, permitirá mellorar a estética xeral do espazo.

A construción deste edificio promoveuse para Mercado de Abastos e consta dunha planta de baixo rasante, unha planta baixa e outra alta. A estrutura está formada por muros de formigón e piares, con vigas de gran canto e lousas.

A actuación, ademais da demolición, engloba a urbanización da parcela, e supoñerá un investimento total de 116.666 euros, que se realizará con cargo ao remanente de Tesourería co que conta o Goberno local, que se está repartindo en distintas actuacións relevantes para a vila marinense, como a reforma do primeiro andar da Casa do Mar para convertelo nun Centro de Día ou a pavimentación de Ponteporto, tamén xa nun estado moi avanzado de execución.