A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ofreceu este venres nunha comparecencia os datos "históricos" do turismo na provincia durante esta semana Santa "espléndida".
A ocupación media na provincia foi do 75,2 % entre o 6 e o 9 de abril e do 68,5% en toda a semana. Son 13 puntos máis que no ano 2022, polo que Carmela Silva sinalou que "volvemos ás cifras turísticas prepandémicas que indican a recuperación do sector".
Nesta ocasión os datos ofrecidos por Turismo Rías Baixas diferencian a ocupación nos hoteis de maior categoría daqueles con menor nivel e tamén analiza por separado a ocupación en toda a Semana Santa e especificamente a rexistrada entre o Xoves Santo e o Domingo de Resurrección.
Así, durante toda a Semana Santa a ocupación media na provincia nos hoteis de maior categoría foi do 70,4% e ata o 86% de xoves a domingo.
Por comarcas e durante toda a semana, na de Pontevedra rexistrouse un 61,2% de ocupación (69,2% nos hoteis de máis categoría); Vigo 73% (76% hoteis de máis categoría); O Salnés 70,2% (75,2% hoteis de máis categoría); Caldas 69% (70,2% hoteis de máis categoría); O Morrazo 69% (69,5% hoteis de máis categoría); Condado-A Paradanta 68% (69,2% hoteis de máis categoría); Baixo Miño 62,2 (70,4% hoteis de máis categoría); Deza-Terra de Montes 62,4 (65,4% hoteis de máis categoría).
Por comarcas pero de xoves a domingo, na de Pontevedra rexistrouse un 71% de ocupación (81% nos hoteis de máis categoría); Vigo 80,4% (87,4% hoteis de máis categoría); O Salnés 82% (86% hoteis de máis categoría); Caldas 83% (86% hoteis de máis categoría); O Morrazo 74% (79,3% hoteis de máis categoría); Condado-A Paradanta 70,5% (75,5% hoteis de máis categoría); Baixo Miño 73,1 (83,1% hoteis de máis categoría); Deza-Terra de Montes 65,1 (73,1% hoteis de máis categoría).
En canto á cidade de Pontevedra a ocupación media durante toda a semana foi do 70% (65,5% en hoteis de máis categoría) e de xoves a domingo 76,5% (80,5% en hoteis de máis categoría). En Sanxenxo a ocupación media durante toda a semana foi do 63,3% (79% en hoteis de máis categoría) e de xoves a domingo ascendeu ao 78,2% (86,4% en hoteis de máis categoría).
No turismo rural os datos na provincia foron superiores a 2022, cun 53% de ocupación en toda a Semana Santa e do 70% entre o xoves e o domingo. Isto supón 11 e 3 puntos máis, respectivamente.
No caso das vivendas turísticas a ocupación media na provincia foi do 75% durante toda a semana e do 85% entre o xoves e o domingo.
A presidenta da Deputación tamén ofreceu os datos turísticos positivos rexistrados nas fortalezas do Castelo de Soutomaior e no de Sobroso, con 4.281 visitantes durante a Semana Santa.