O turismo deixa os mellores datos históricos no mes de agosto nas Rías Baixas

Pontevedra
04 de setembro 2017

Agosto pechou cun 91,11% de ocupación hoteleira. "Estes resultados xa nos sitúan como a cuarta zona turística con maior auxe de España, detrás do Pirineo Vasco, do Val de Arán e de Forteventura", indicou a presidenta da Deputación, Carmela Silva

Itineranta Diego Torrado

O turismo deixa uns "resultados históricos" no mes de agosto nas Rías Baixas. Así o sinalou este luns a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva que tomou como referencia os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) que se recollen desde o ano 1999 para destacar que "este é o mellor mes de agosto en Rías Baixas".

Carmela Silva, que compareceu en rolda de prensa acompañada do deputado delegado de turismo, Santos Héctor, lembrou que o segundo mellor resultado obtívose en agosto do pasado ano 2016 e o terceiro foi en agosto do ano 1999 cando se rexistrou unha ocupación hostelera do 74,9%.

Os datos de ocupación hoteleira recollidos por Turismo Rías Baixas apuntan que o pasado agosto pechou cun 91,11% superando as previsións que manexaban desde a institución provincial ao principio do verán. En agosto de 2016 alcanzouse o 89,2% de ocupación.

"Estes resultados xa nos sitúan como a cuarta zona turística con maior auxe de España, detrás do Pirineo Vasco, do Val de Arán e de Forteventura", con pernoitas que no primeiro semestre de 2017 crecen un 3,7% sumando máis dun millón de pernoitas e subindo un 7% o número de visitantes, indicou Carmela Silva.

"Pontevedra é a provincia galega máis atractiva" ao recibir o 40% dos visitantes que elixen Galicia como destino.

Ata o momento e para este mes de setembro a Deputación de Pontevedra está a obter "sorprendentes" perspectivas xa que en portais especializados como booking.com as Rías Baixas teñen o 83% das prazas reservadas con picos do 100% en Pontevedra, 95% en Baiona, 85% en Vigo e 76% no Salnés.

OCUPACIÓN EN AGOSTO POR COMARCAS

A ocupación hoteleira o pasado mes de agosto no Salnés foi do 95,12% chegando a colgar o cartel de completo os hoteis de catro estrelas. Especificamente o municipio de Sanxenxo rexistrou o 92% e O Grove o 90%.

A comarca de Pontevedra rexistrou un 92,25% de ocupación, na do Morrazo foi un 97,6%, en Caldas de Reis chegouse ao 91,75%, na comarca de Vigo alcanzouse o 93,5% con fitos como o Marisquiño que chegou ao cento por cento os hoteis da cidade olívica e da súa contorna. A comarca do Baixo Miño a ocupación foi do 90,3%, no Condado-Paradanta do 84,75% e finalmente en Deza-Tabeirós-Terra de Montes o 83,6%.

TURISMO RURAL

Carmela Silva tamén celebrou os "excelentes resultados" colleitados en agosto nos establecementos de turismo rural cunha ocupación dun 85,65% o que consolida a Pontevedra como unha provincia líder atendendo aos datos do portal especializado escapadarural.com que a sitúa no terceiro posto dentro do "top ten nacional", sendo soamente superada por Málaga e Barcelona.

Por comarcas, O Salnés rexistrou un 95% de ocupación nos establecementos de turismo rural e na de Pontevedra superouse o 92%, O Morrazo rozou o 100%, en Caldas a porcentaxe final foi do 85%, na comarca de Vigo a ocupación foi do 80%, no Baixo Miño un 88%, no Condado-Paradanta dun 81% e en Deza-Tabeirós-Terra de Montes superou o 70%.

PERFIL

Durante este agosto de 2017 un 36% dos turistas que recibiu as Rías Baixas era estranxeiros (a media de Galicia está no 26%). A maioría destes visitantes internacionais era de Portugal, Francia, Reino Unido e Italia "o que coincide cos países que teñen rutas que enlazan co aeroporto de Peinador", indicou Carmela Silva.

O aumento da chegada de visitantes correspóndese cun aumento a 6,2 días de pernoita por persoa. 

O 58% dos visitantes ten entre 35 e 60 anos de idade, o 42% dorme en hotel, permanecen neste destino entre 7 e 15 días e visita as Rías Baixas por aspectos relacionados coa natureza (o 33%).

Finalmente Carmela Silva sinalou que o 60% das persoas que visitaron as casetas de turismo da provincia en agosto afirmaron que non coñecían as Rías Baixas.