O TSXG permite á Xunta que prohiba as reunións de non conviventes entre as 03.00 e as 06.00 horas

Pontevedra
30 de decembro 2021

Os xuíces tamén permiten á administración autonómica estender a todo o horario de apertura dos locais de hostalería a esixencia de presentar o certificado Covid para acceder aos interiores. Consideran que a adopción destas medidas está xustificada polo "relevante risco" de transmisión da enfermidade que se rexistra nestes momentos en Galicia

Salón do TSXG TSXG - Arquivo

A Xunta logrou obter a autorización do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para prohibir as reunións entre persoas non conviventes, tanto en espazos públicos como privados, entre as 03.00 e as 06 horas desde as 00.00 horas do día seguinte á publicación da orde do goberno galego no Diario Oficial de Galicia, que foi emitido ás 19.30 horas deste xoves, e ata as 00.00 horas do próximo martes 18 de xaneiro.

A sección terceira da Sala do contencioso-administrativo tamén permite á Xunta ampliar o horario de esixencia de presentar o certificado de vacinación ou unha proba negativa para acceder ao interior dos establecementos de hostalería durante todo o período de apertura dos locais.

Os xuíces do alto tribunal consideran que a adopción destas medidas está xustificada debido ao "relevante risco" de transmisión da covid-19 que se rexistra actualmente en Galicia.

As medidas implican a restrición "en grao mínimo" de dereitos fundamentais, segundo o tribunal, en relación a salvagarda que se pretende do dereito á vida e á saúde. Estes maxistrados lembran que a poboación se atopa nunha "situación epidemiolóxica que determina un risco de transmisión do virus crecente, acentuada polo avance na prevalencia da variante Ómicron". Sinala que, ademais do "dano intrínseco" que se ocasiona na poboación afectada, tamén "ocupa progresivamente maiores recursos do sistema público de saúde de Galicia".

TIRÓN DE ORELLAS Á XUNTA

Fan referencia tamén a estudos científicos que se analizaron para ditar outros autos relacionados con medidas sanitarias que implican limitación ou restrición de dereitos fundamentais, porque os maxistrados aseguran que o informe remitido nesta ocasión pola Xunta de Galicia se atopa "completamente orfo de identificación dos informes e estudos que se empregan como base das afirmacións nel recollidas". Os xuíces advirten á Xunta que existe "ausencia de motivación na petición das medidas solicitadas", e por este motivo recorreron ao contido das súas anteriores resolucións como "única forma de verificar se as medidas propostas resultan idóneas, necesarias e proporcionadas".

Matizan sobre a prohibición de reunións entre non conviventes entre as 03.00 e as 06.00 horas que se trata dunha restrición ao dereito de reunión que "non é absoluta" porque "está vixente o dereito para persoas conviventes" e acompáñase un importante número de excepcións por razóns laborais, sanitarias ou doutra índole. Ademais expoñen que se restrinxe durante o tempo que "habitualmente se emprega de forma maioritaria para o descanso nocturno". Estes dous argumentos levan aos xuíces para considera que se trata de "unha limitación tenue do dereito, tanto a nivel cuantitativo como cualitativo".

Apuntan, ademais, que da "evidencia científica" dos informes analizados pola Sala, e que figuran en anteriores resolucións, se infere "a eficacia da medida proposta" para conter a transmisión do virus ao non existir "forma non farmacolóxica menos invasiva de conter a expansión do virus que limitando o número de persoas reunidas" nun período horario que rebaixa moito o sacrificio do dereito de reunión, segundo indican na resolución.

CERTIFICADO COVID-19

A ampliación do horario de esixencia de presentar a certificado covid-19 a toda a xornada de apertura dos locais supón, segundo o TSXG, a limitación tenue dos dereitos fundamentais á intimidade e á igualdade, pola concorrencia coa necesidade dunha "forte salvagarda dos dereitos á vida, á integridade física e á propia saúde", expoñen referíndose a unha sentenza do 14 de setembro do Tribunal Supremo.

A decisión dotará, segundo os maxistrados, "de máis eficacia" a medida porque "a situación de risco que se evidencia á hora de quitar a máscara para comer ou beber non é distinta en función da hora do día en que se produce" e afirman que a ampliación de horario para esixir o certificado "non supón un sacrificio adicional substancial de dereitos que mereza unha ponderación diferente á xa realizada", conclúe o auto.