O TSXG da a razón a Víctor Pedreira no seu preito co Sergas pola súa destitución como xefe de Psiquiatría do CHOP

Pontevedra
27 de outubro 2017

O alto tribunal galego vén ratificar a sentenza do contencioso administrativo de Pontevedra que o Sergas recorrera

O médico psiquiatra Víctor Pedreira Mónica Patxot

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) deu a razón a Víctor Pedreira na súa demanda contra o Sergas pola súa destitución como xefe de Psiquiatría do CHOP.

O alto tribunal galego vén ratificar a sentenza do contencioso administrativo de Pontevedra que o Sergas recorrera.

Agora o TSXG desestima o recurso da Xunta e obriga a retrotraer os feitos á situación anterior.

Víctor Pedreira valorou que a sentenza do TSXG é "sinxelamente demoledora" debido a que "rebate un a un os argumentos usados polo Sergas no seu recurso, desestímao na súa totalidade e confirma en todos os seus extremos a sentenza previa do contencioso administrativo".

O fallo xudicial anula as decisións daquela Comisión de Avaliación, "asegura que actuou de maneira totalmente parcial beneficiando a un candidato en detrimento do outro, que realizou un desvío de poder e conculcou no meu caso os dereitos de igualdade, mérito e capacidade".

Víctor Pedreira xa está xubilado polo que esta sentenza supón, fundamentalmente, un triunfo moral para o afectado, aínda que tamén debería ter consecuencias económica xa que o seu cesamento como xefe de servizo repercutiu no cálculo da súa pensión. En todo caso, a praza de xefe de Psiquiatría debe volver convocarse.