O TSXG absolve dun delito de exhibicionismo a un condenado por estar espido na súa casa diante das fillas da súa parella

Pontevedra
30 de setembro 2022

A Sala asegura que "non se sostén a interpretación do tribunal de primeira instancia porque non hai proba da existencia de verdadeiros actos de exhibición obscena ante menores"

Xuízo contra un home por abuso e agresión sexual a tres nenas PontevedraViva

A Sala do Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) absolveu o home que a Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a un ano de cárcere por presuntamente pasearse espido de cintura para abaixo diante das fillas da súa parella. O tribunal de primeira instancia considerouno culpable dun delito continuado de exhibicionismo e provocación sexual, pero o alto tribunal galego entende que non quedou probado o contexto sexual nin o ánimo libidinoso do procesado. Así, destaca que "as fillastras, que teoricamente serían as vítimas de semellante actitude, negan sentirse inquietadas por iso".

"O único acreditado é que o recorrente ten o costume de andar espido pola casa e, como máximo, ponse certas pezas como calcetíns e camiseta, pero deixando ao descuberto os seus xenitais", salienta a Sala, á vez que afirma que o delito de exhibicionismo castiga ao que "executara ou fixera executar a outra persoa actos de exhibición obscena ante menores de idade ou persoas con discapacidade necesitadas de especial protección". Polo tanto, os maxistrados destacan que "non sanciona a simple mostra da propia nudez, senón o acto de exhibición obscena", á vez que indican que "é constante" a xurisprudencia que desliga esta infracción do concepto de pudor ou decencia". Por iso, advirten que o feito de andar espido polo propio domicilio "non debe ser cualificado, sen máis, como acto de exhibición obscena".

"Unha cousa é andar espido pola casa adiante e outra moi distinta facer ostentación diso con expresa exhibición obscena dos propios xenitais (e xeralmente cunha intención libidinosa). De feito, se concluísemos como fixo o tribunal de instancia, estariamos a prohibir a nudez domiciliaria en casas onde hai fillos menores", sinala o TSXG, quen afirma que cabe a posibilidade de considerar que ao acusado "simplemente lle gustaba andar espido pola casa, como naturista que era, e, se estaba a súa familia en casa, a cal nunca se opuxo á súa indumentaria, tampouco deixaba de facelo".

Os xuíces insisten en que "non se sostén a interpretación do tribunal de primeira instancia porque non hai na causa proba algunha da existencia de verdadeiros actos de exhibición obscena ante menores".