O tribunal determina que Lito, o rei das orquestras, está en condicións de ser xulgado e el négase a declarar: "Non estou en condicións"

Pontevedra
21 de setembro 2020

A causa chegou de novo a xuízo este luns tras catro suspensións previas e, no quinto intento, o novo tribunal tomou unha decisión que leva anos atrasándose e concluíu que o acusado ten "capacidade de comprender" a acusación que se formula contra el e é "capaz de participar na súa defensa"

De esquerda a dereita, Javier Arca e Ángel Martínez Pérez, Lito, na sala de vistas da Audiencia
De esquerda a dereita, Javier Arca e Ángel Martínez Pérez, Lito, na sala de vistas da Audiencia / Mónica Patxot

O tribunal da Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra que este luns empezou a xulgar a Ángel Martínez Pérez, coñecido como 'Lito' e considerado o rei das orquestras de Galicia, deu finalmente carpetazo a unha controversia que marca os distintos procesos xudiciais abertos contra o acusado desde hai anos: o coñecido empresario está en condicións de ser xulgado con todas as garantías. 

Nesta ocasión, Lito está a ser xulgado por seis delitos contra a Facenda Pública por non tributar o debido no imposto de sociedades, o IRPF e o IVE dos anos 2011 e 2012. Por estes mesmos delitos xa fora xulgado en 2017 e condenado en 2018, pero finalmente o Tribunal Supremo anulou a sentenza que lle impoñía 12 anos de prisión e o pago de 46.725.811,03 euros e obrigou a repetir o xuízo. 

A causa chegou de novo a xuízo este luns tras catro suspensións previas e, no quinto intento, o novo tribunal tomou unha decisión que leva anos atrasándose e concluíu que o acusado ten "capacidade de comprender" a acusación que se formula contra el e é "capaz de participar na súa defensa", de modo que leste mesmo luns, tras tres horas de cuestións previas e deliberacións, o xuízo comezou.

A defensa do acusado argumentaba que, debido á súa situación mental, non cumpría os requisitos para ser xulgado cumpríndose o dereito á lexítima defensa e achegaba diversos informes psicolóxicos, psquiátricos e neurolóxicos que, como conclusión, indicaban que Lito ten limitacións de diverso tipo e alteracións funcionais graves e sofre un proceso dexenerativo de demencia fronto temporal que afecta as súas capacidades de comprender e comunicarse e que é irreversible. 

"Si es incapaz de manejar una cafetera Nespresso, no va a ser capaz de enfrentarse a un juicio", explicou de forma gráfica o avogado defensor, Carlos Seoane, que lembrou ao tribunal que un xulgado social xa declarou a súa incapacidade e nestes momentos está en tramitación unha incapacidade tamén a nivel civil e pediu que se declare o arquivo provisional da causa aberta contra o seu cliente.

Este xuízo suspendeuse por terceira vez o pasado mes de xuño para que se fixese un novo informe sobre o acusado e de novo volveu aprazarse en xullo sen que se coñecese o resultado do mesmo. Este luns, no inicio da vista oral deuse a coñecer o resultado do mesmo, un documento elaborado por unha psicóloga do Instituto de Medicina Legal de Galicia ( Imelga) que conclúe que o acusado ten a capacidade de comprensión intacta

O fiscal e a avogada do Estado concluíron que este informe é o máis obxectivo e imparcial de todos os que poidan achegarse, por realizarse a nivel público, e que, segundo o seu contido, o acusado pode ser xulgado, pero o avogado defensor entendeu que se trata dun documento incompleto en tanto que só se valora o estado mental do seu defendido a nivel psicolóxico, sen ter en conta cuestiones psiquiátricas nin neurolóxicas. 

Os tres membros do tribunal, os maxistrados José Juan Barreiro, Miguel Aramburu e Rosario Cimadevila, decidiron escoitar a esta psicóloga do forense antes de tomar unha determinación e este luns declarou por videoconferencia.

Como conclusión, sinalou que non se detectaron nas acusado dificultades na memoria a longo prazo nin ningunha incapacidade comprensiva, pero non se manifestou sobre a pregunta concreta de se está en condicións de ser sometido a un xuízo porque, segundo explicou, non lle compete a ela facer esa valoración, senón a un forense. 

Tras escoitar ás partes e á psicóloga, o tribunal concluíu que o acusado si pode ser xulgado e leste mesmo luns xa comezou a vista oral. O primeiro trámite foi preguntar ao acusado se estaba disposto a declarar. Ángel Martínez Pérez non declarou no primeiro xuízo celebrado en 2017 e tampouco nesta ocasión. A preguntas do maxistrado Barreiro, indicou que se acollía ao seu dereito a non declarar e, en varias ocasións, indicou "non estou en condicións" e "non estou preparado"

O xuízo retomarase o xoves 24 de setembro coa declaración do segundo acusado nesta mesma causa, Javier Arca Casal, como representante legal de Representacións Lito SL, empresa da que Ángel Martínez Pérez ten o 51% das accións. Cabe apuntar que un dos motivos polo que o Tribunal Supremo ordenou que se repetise este xuízo é porque non se citara para a vista oral ao representante de Representacións Lito S.L. especialmente designado na causa. 

Finalizada a primeira sesión do xuízo, o fiscal do caso, Augusto  Santaló, manifestou a súa satisfacción pola decisión do tribunal, pois supón confirmar "lo que mantuvimos durante todo este tiempo", que o acusado pode presentar algunha alteración neurolóxica, pero está en condicións de ser xulgado igualmente. Sobre o resultado do xuízo, non se aventura a avanzar nada, pois supón comezar un proceso novo que pode acabar en condena como o anterior, pero tamén todo o contrario. El pide que sexa condenado a 14 anos de prisión e o pago de 

O avogado defensor, pola súa banda, manifestou a súa contrariedade coa decisión do tribunal, que "no compartimos pero respetamos" e avanzou que, na súa opinión, hai unha diferenza substancial entre este xuízo e o primeiro que se celebrou por esta causa, que noutro proceso xudicial contra o seu cliente esta mesma Audiencia Provincial de Pontevedra declarou nulo un rexistro xudicial realizado na sede da empresa do seu cliente. No caso de que nesta ocasión tamén se anule ese rexistro, quedarían sen probas para condenalo.