O transformador de Barcelos cambiará de sitio coa reforma perimetral da praza

Pontevedra
01 de febreiro 2022

O proxecto para a renovación de todo o viario de circulación que rodea a praza de Barcelos xa está practicamente rematado. Nos próximos días, o Concello iniciará o proceso de contratación desta actuación, na que se investirán 2,1 millóns de euros. A obra terá un prazo de execución de doce meses e mudará o aspecto de toda a calzada

Coches aparcados na praza de Barcelos Cristina Saiz

O proxecto para a renovación de todo o viario de circulación que rodea a praza de Barcelos xa está practicamente rematado. Nos próximos días, o Concello iniciará o proceso de contratación desta actuación, na que se investirán 2,1 millóns de euros.

A obra terá un prazo de execución de doce meses e mudará o aspecto de toda a calzada, que deixará de ter un pavimento de lastro. Pasará a ser un espazo que combinará o asfalto co formigón das beirarrúas e dos pasos elevados.

O deseño da nova vía, segundo o goberno municipal, está concibido para favorecer os usos comerciais dos negocios instalados actualmente no perímetro da praza, polo que se redeseñou toda a circulación.

Así, ampliaranse as beirarrúas, sobre todo no borde sur por ser onde se atopan os negocios de hostalería, de cara a propiciar a instalación de terrazas. Os aparcadoiros de servizos estarán na beirarrúa oposta á que linda co negocio para interferir o menos posible na súa actividade.

En canto ao tráfico, manterase un único carril con entrada desde a rúa Perfecto Feijoo e saída cara a rúa Cobián Roffignac. Manteranse as actuais entradas e saídas do aparcadoiro soterrado e desaparecerá a circulación desde a rúa Benito Corbal cara a rúa San Antoniño.

De cara ao proceso de contratación, a proposta técnica establece que un 75% da adxudicación corresponderá a criterios económicos. Desa porcentaxe, un 50% correspóndese coa oferta económica e, doutra parte, un 25% serán as melloras que oferten os licitadores.

Neste ámbito, o Concello só incluíu unha para "asegurarnos que se faga", segundo explicou o edil de Mobilidade, Demetrio Gómez. É o traslado do transformador do colexio de Barcelos á súa nova localización na praza, que ten un custo de 122.000 euros de execución material.

O 25% restante da oferta, que tamén será medible, refírese ao control de calidade, un 10%, e a seguridade durante a execución da obra, un 15%.

Neste último punto non entra só a seguridade dos propios traballadores, senón a tres elementos que deben estar claramente explicados na proposta: a seguridade dos peóns, o acceso ás vivendas e aos negocios e, ademais, un plan de mobilidade específico para as persoas con dificultades, como persoas maiores ou nenos.