O terceiro Xantar Popular do PP de Cuntis reúne a máis de 200 persoas

Umia
13 de maio 2024

A voceira municipal, Isabel Couselo, agradeceu o "enorme apoio" da veciñanza e dos militantes ao PP de Cuntis, tras incrementar un 18% os votos nas municipais "para converternos na clara alternativa e no futuro político do Concello"

Xantar popular do PP de Cuntis
Xantar popular do PP de Cuntis PP de Cuntis

Máis de 200 persoas asistiron este domingo á terceira edición do Xantar Popular organizado polo PP de Cuntis, na que o partido reivindicou os resultados das últimas eleccións municipais.

A voceira municipal, Isabel Couselo, agradeceu o "enorme apoio" da veciñanza e dos militantes ao PP de Cuntis, tras incrementar un 18% os votos nas municipais "para converternos na clara alternativa e no futuro político do Concello".

A comida celebrouse nas inmediacións do campo de fútbol da Ran coa presenza do presidente provincial e da Deputación, Luis López; e a secretaria xeral provincial, Luisa Piñeiro.

Luis López convidou aos asistentes a traballar arreo de cara as próximas eleccións europeas do 9 de xuño co obxectivo de acadar a cuarta vitoria consecutiva na provincia no ciclo do último ano.

Este encontro tamén contou coa participación de todos os concelleiros do Partido Popular nos sete concellos da comarca de Caldas, xa que se aproveitou o xantar para seguir coa rolda de xuntanzas comarcais cos membros electos do PP que está a despregar a dirección provincial por toda a provincia e que xa tivo lugar previamente no Salnés, O Condado-A Paradanta e Baixo Miño.