As obras de reforma do Teatro Principal poderán desbloquearse en cuestión de semanas tras máis de dous meses paralizadas pola crise da empresa adxudicataria, Acevi, que entrou en concurso voluntario de acredores e non pode terminar os traballos. O Concello de Pontevedra deu conta este luns da resolución do contrato coa empresa, un trámite que agora permitirá axilizar todos os trámites e reabrir a instalación.
A portavoz do Goberno local, Anabel Gulías, confirmou, tras a sesión semanal da Xunta de Goberno, que tomaron a "decisión política" de reabrir o Teatro Principal tan pronto como sexa posible "sen esperar á licitación" dun novo proxecto de reforma que retome os traballos onde os deixou Acevi.
A data que manexan é setembro. Non falan dunha data concreta, pero si que estará operativo para a celebración do congreso Placemaking, previsto entre o 27 e 30 de setembro.
Antes de abrir, será necesario realizar obras nos aseos, pero o Concello, dentro desta pretensión de poder reabrir canto antes "para que poida ser utilizado" pola cidadanía, decidiu axilizar trámites. "Imos apurar o máximo posible", asegurou Gulías.
Para poder adxudicar a obra dos baños era preciso primeiro que se resolvese o contrato e este trámite foi máis áxil porque a empresa declarouse en concurso voluntario de acredores e, desta forma, simplificou todo o expediente administrativo. Sen esta resolución feita, non se podía realizar ningunha obra no Teatro Principal e agora xa si se pode e empezarán polos baños.
Así, licitarase un contrato menor, que ten unha adxudicación "moito máis breve", de 15 ou 20 días. As obras, unha vez adxudicadas, non deberían demorarse máis de mes ou mes e medio, de modo que, salvo sorpresas maiúsculas, despois do verán, poderán reabrir as instalacións.
En paralelo, continúa en marcha o proceso administrativo para iniciar o expediente de liquidación da obra, que permitirá liberar o crédito non consumido e contar cos fondos necesarios para volver adxudicar un novo contrato que permita terminar as obras non realizadas pola empresa adxudicataria inicial.
Para esa nova fase de obras, falarán coa empresa e coas entidades que utiliza o Teatro Principal, pero a súa intención é non ter que volver pechalo e manter a programación habitual deste espazo cultural tan utilizado.