O Teatro Principal acolle a entrega dos Premios Cidade de Pontevedra "máis cerebrais"

Pontevedra
20 de xaneiro 2018

O doutor Víctor Pedreira como persoa física e a Escola de Xadrez de Pontevedra, como persoa xurídica, recibiron os galardóns nun pleno de honores que se desenvolveu coa presenza dos integrantes da corporación e outras autoridades

Entrega de Premios Cidade de Pontevedra a Víctor Pedreira e á Escola de Xadrez

O Teatro Principal vestiu as súas mellores galas para celebrar o pleno de honras no que se entregaban os Premios Cidade de Pontevedra a Víctor Pedreira e á Escola de Xadrez. 

O acto comezaba co desfile tradicional polo corredor de entrada ao Principal, encabezando a comitiva os integrantes da agrupación Os de Algures, interpretando unha peza tradicional. Daniel Rivera Kuzawka en representación da Escola de Xadrez e o psiquiatra Víctor Pedreira subían ao escenario onde pousaban co alcalde antes de ocupar os seus asentos no lateral dereito do proscenio. 

No patio de butacas atopábanse José María Corujo, presidente de AEMPE; Pablo Fernández, presidente de AJE Pontevedra, acompañado pola anterior presidenta deste colectivo, Lucía Pedroso e Teresa Pedrosa, delegada do consorcio da Zona Franca de Vigo. Tamén asistiron Alfredo Castro, comandante da Garda Civil, Pedro Sánchez, comandante xefe da Brilat e Antonio Romero, xeneral xefe da Brilat, ademais do deputado Carlos Font, en representación do equipo de goberno da Deputación Provincial.

Numerosos militantes socialistas tamén asistiron a este acto coa recentemente elixida presidenta da agrupación local do PSdeG-PSOE, Maica Larriba. Víctor Pedreira é militante deste partido e, nos últimos tempos, encargouse da área relacionada coa sanidade na formación socialista, ademais de ser un destacado membro da Plataforma SOS Sanidade Pública e ata hai uns meses, psiquiatra no Complexo Hospitalario de Pontevedra, onde foi xefe do servizo. Tamén se deron cita neste evento outros representantes do PSOE como Patricia Vilán ou Guillermo Meijón.

Na sala, ademais, atopábanse integrantes da asociación pontevedresa Alba, colectivo de axuda a persoas que padecen enfermidades relacionadas coa capacidade cerebral, ao que se atopa moi vinculado o doutor premiado.

Pedreira, natural da Coruña, expuxo a súa querenza a Pontevedra citando a Celso Emilio Ferreiro: "...porque si, porque me gosta, porque me peta e quero e dame a gaña", tras agradecer a todas as persoas que apoiaran a súa candidatura presentada pola asociación Alba. Mostrou a súa satisfacción por dedicar a súa vida para loitar contra a enfermidade e a procurar o alivio dos pacientes. Fixo unha defensa da sanidade pública e lanzou un chamamento aos cidadáns para que apoien a plataforma SOS Sanidade Pública porque "nos vai a vida niso".

Por último, o recoñecido psiquiatra destacou o labor que realiza a Escola de Xadrez e, tal e como acordaran na entrevista en PontevedraViva Radio, desexou que este acto sirva de forma de colaboración entre a Escola de Xadrez e a Asociación Alba para comprobar a incidencia favorable do xogo no proceso de rehabilitación psiquiátrica. 

Pola súa banda, o uruguaio Daniel Rivera, en nome da Escola de Xadrez destacou as virtudes desta actividade deportiva que estimula e desenvolve a intelixencia pero ademais supón a adquisición dun deber e dun compromiso. Rivera fixo referencia a Ramón Escudeiro, un neno invidente de 8 anos que foi un dos primeiros alumnos da Escola nada en 2001 e "pasou a ser o noso mestre de vida". Ramón logrou a terceira posición no Campionato mundial xuvenil de cegos. O director da Escola tamén quixo agradecer o apoio da asociación de veciños de Santa María que lles propuxo para proporcionar aos máis novos unha alternativa de lecer saudable. 

Daniel Rivera tamén quixo relatar as actividades solidarias que realizan desde solidarizarse con Uruguai nas graves inundacións de 2007 ata participar xunto coa ONG ACNUR na campaña 'O xadrez cos Refuxiados' realizando viaxes a campos de refuxiados sirios en Xordania cunha posterior colaboración con UNICEF para crear escolas de xadrez en Azraq. Rivera concluíu cunha cita de Eduardo Galeano sobre a utopía.

Por último, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, pechou o acto destacando o traballo que os galardoados realizaron durante os últimos anos e resaltando a importancia que tanto Víctor Pedreira como a Escola de Xadrez desenvolven en relación co cerebro e no caso do psiquiatra agradeceu a súa loita en defensa da sanidade pública para indicar que a ampliación de Montecelo será unha realidade grazas a persoas como el.

Finalmente, todos os membros da corporación saudaron aos premiados e pousaron para unha fotografía final de recordo do acto.