O subdelegado reparte chalecos reflectantes entre peóns e ciclistas

Barro
07 de maio 2024

O subdelegado do Goberno, Abel Losada alerta do repunte da mortaldade nas estradas da provincia no que vai de 2024, cun 66% de vítimas vulnerables

Presentación da campaña de sensibilización sobre usuarios vulnerables nas estradas convencionais de Galicia Subdelegación do Goberno en Pontevedra

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, participou este martes na entrega de elementos reflectantes de alta visibilidade a colectivos viarios vulnerables, xunto a axentes do Subsector de Tráfico e a xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero. 

A iniciativa enmárcase na campaña de sensibilización sobre usuarios vulnerables nas estradas convencionais de Galicia que está a desenvolver a DGT en Galicia ata o próximo domingo, día 12.

O subdelegado alertou da alta mortaldade que están a rexistrar as estradas da provincia, "cun comezo de ano moi negativo, xa que levamos hoxe un total de 12 vítimas mortais, a metade das vítimas mortais que houbo en todo o ano anterior". Esta cifra supón un crecemento notable e moi por riba dos datos medios dos últimos anos. Ademais, o 66 % das persoas falecidas, é dicir, 8 das 12, eran usuarios vulnerables: catro motoristas, dous usuarios de ciclomotor e dous peóns. O subdelegado incidiu en que "o feito de que só 4 das vítimas mortais rexistradas na provincia no que vai de ano viaxaran en automóbil chama moito a atención e evidencia a necesidade de facer un chamamento á prudencia".

Durante o acto, realizado en San Amaro (Barro), un punto neurálxico do paso de peregrinos, destacou a importancia dos comportamentos individuais responsables cando se circula por estrada. A este respecto destacou que un dos motoristas falecidos non levaba o casco abrochado e os dous peóns atropelados camiñaban de noite, vestindo prendas escuras e cun comportamento claramente imprudente.

Abel Losada informou tamén que o 66 % dos sinistros mortais producíronse en estradas de competencia autonómica, 3 en estradas nacionais e 1 nunha estrada local, polo que apelou "a deixar de facer campaña política coa sinistralidade viaria e a cooperar entre todas as Administracións para diminuír estes datos".

CAMPAÑA DE VIXILANCIA E CONCIENCIACIÓN

Esta campaña de concienciación sobre colectivos vulnerables márcase como obxectivo reeducar a peóns, ciclistas e motoristas sobre a súa propia posición vulnerable, lembrándolles a necesidade de facerse visibles con elementos e pezas reflectantes, usar os sistemas de protección específicos como o casco así como unha indumentaria adecuada para circular sobre dous rodas ou de cumprir e respectar as normas que lles afectan especificamente. Así mesmo, búscase sensibilizar aos condutores sobre a exposición ao risco destes usuarios e a necesidade de manter o nivel de alerta constante cada vez que se topen cun peón, un ciclista ou un motorista.

Os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil, encargados de levar a cabo a campaña, recordarán durante toda a semana a conveniencia de reducir ou moderar a velocidade, extremar a precaución nos cruces e xiros, mirar polos espellos retrovisores con frecuencia, usar as sinais intermitentes de sinalización e respectar a distancia lateral dun metro e medio para adiantar a un ciclista ou peón. Ademais, os axentes tamén entregarán elementos reflectantes de alta visibilidade ao colectivo vulnerable que se desprace por estrada sen facer uso deles e repartirase material impreso específico en varios idiomas.

De acordo coa Dirección Xeral de Tráfico, as persoas usuarias das estradas en situación de vulnerabilidade son as que por diferentes circunstancias, ben polas súas características físicas ou ben polo medio de desprazamento empregado, teñen máis probabilidade de verse implicados nun sinistro de tráfico ou de resultar mortos ou feridos como consecuencia do mesmo. Polo tanto, o concepto inclúe aos peóns en xeral (nenos, adolescentes, adultos, maiores e persoas con mobilidade reducida), así como a ciclistas, motoristas, condutores de ciclomotores e vehículos tipo tractor ou quad.