O subdelegado do Goberno reprocha veladamente a Ana Pastor o seu "ton crítico" coa A-57

Pontevedra
30 de xaneiro 2024
Actualizado: 17:08

Dentro da política de portas abertas que mantén desde a súa chegada ao cargo, o novo subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, mantivo este martes unha xuntanza coa plataforma veciñal de Bora e Xeve que se opón á construción da segunda fase da autovía A-57

Reunión de Abel Losada coa plataforma veciñal de Bora e Xeve Subdelegación do Goberno en Pontevedra

Dentro da política de portas abertas que mantén desde a súa chegada ao cargo, o novo subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, mantivo este martes unha xuntanza coa plataforma veciñal de Bora e Xeve que se opón á construción da segunda fase da autovía A-57.

Losada escoitou as demandas deste colectivo, que critican o impacto da autovía nas súas parroquias, e comprometeuse a mediar e trasladar estas demandas ao Goberno central.  Deixou claro que a súa posición cinguirase a trasladar as peticións deste colectivo "sen vender motos".

Ao remate do encontro, a Subdelegación do Goberno fixo público un comunicado no que Abel Losada fixo unha alusión velada a Ana Pastor, antiga ministra de Fomento cando empezaron as obras do primeiro tramo da autovía entre Marcón (Pontevedra) e Figueirido (Vilaboa). Recordou que hai representantes políticas en exercicio que no pasado tiveron responsabilidades moi directas sobre a A-57 e dicían que Pontevedra non podía seguir sendo a única capital española sen circunvalación e que "hoxe, xa fóra do goberno, fan preguntas en ton crítico sobre esta infraestrutura".

Xusto a semana pasada, Ana Pastor, actualmente deputada do PP, presentou unha iniciativa no Congreso para trasladar ao Goberno central as demandas dos veciños de Bora e Xeve para que se modifique o trazado. Preguntou ao Ministerio de Transportes, antigo Fomento, polas "actuacións que ten previsto levar a cabo para atender esas demandas e atopar un trazado menos lesivo".

Na reunión tamén estiveron presentes os concelleiros do PSOE en Pontevedra Iván Puentes e Marcos Rey e as persoas afectadas lembraron o recente acordo plenario unánime alcanzado no Concello de Pontevedra para solicitar que se re estude este trazado.

A veciñanza tamén defendeu a priorización da prolongación da A-57 ata O Confurco para garantir a conectividade coa Meseta e Portugal. 

A plataforma fixo público un comunicado no que explican que trasladaron a Abel Losada as afeccións do trazado actual, "moi lesivo para as parroquias de Bora e Xeve" e que el se comprometeu a trasladar as súas demandas ao Goberno e a facer chegar á plataforma as novidades relativas á tramitación da infraestrutura.

Os portavoces dos veciños agradecen a Losada o seu tempo e disposición e "esperan que se busque o ben común para as parroquias de Xeve e Bora que non merecen ser divididas por unha autovía que non resolverá os problemas de tráfico de Pontevedra nin exercerá a función de circunvalación e que destruirá 6.000 metros cadrados de Rede Natura no río Lérez".