O soterramento da tubaxe de abastecemento continúa por Albeiro Sur e Vilafranca

Pontevedra
11 de xullo 2022

O Concello de Pontevedra retoma por Marcón a pavimentación das estradas que canalizaron o novo saneamento e abastecemento

Pavimentación da Peralba, en Marcon Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra retoma os asfaltados das vías que canalizaron as novas redes de saneamento e abastecemento polas parroquias de Tomeza, Lourizán e Salcedo, a medida que os particulares van solicitando as súas conexións. 

Nesta semana rematouse o asfaltado das estradas do lugar da Peralba, en Marcón, por onde se realizou a última canalización do saneamento. Aquel proxecto tivo un custe de 130.936 euros.

Nos vindeiros días continuarase coas vías que se empregaron para canalizar as tubaxes dos proxectos de abastecemento dende a Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) en Lérez á parroquia de Marcón, en concreto, as vías dos lugares de Albeiro Sur e Vilafranca.

Este proxecto tivo un custe de 551.366 euros, para conectar 106 vivendas, é dicir, un custe duns 16.000 euros por vivenda.

A partir de aí, seguirase polas vías empregadas para os proxectos de abastecemento das parroquias de Tomeza, Lourizán e Salcedo dende a ETAP de Lérez.

Estas pavimentacións están incluídas dentro do macroproxecto de saneamento e abastecemento que dará servizo a todo o rural pontevedrés cun investimento de 58 millóns de euros, que proceden da adxudicación da concesión da xestión da auga á empresa Viaqua.

Nunha primeira fase xa se pavimentou todo Campañó de Arriba, onde se conectaron todos os residentes. Aquel proxecto de saneamento, que incluía tamén o lugar de Cabaleiro, tivo un custe de 2.314.881 euros para conectar 159 vivendas, o que supoñía máis de 23.000 euros por vivenda.

Tamén se pavimentou os lugares dos Areás e O Monte Oeste, na parroquia de Mourente. Este proxecto tivo un custe de 308.629 euros para conectar 63 vivendas, é dicir, un investimento de máis de 15.000 euros por vivenda.

Está rematado, tamén, o lugar do Outeiriño, en Verducido, cuxo proxecto de saneamento para toda a parroquia ascendeu a 2.428.983 euros para conectar 109 vivendas da parroquia.

Finalmente, tamén se ten pavimentado a estrada EP-0012 ao seu paso pola parroquia de Salcedo a petición da Deputación. Esta estrada estaba integrada en distintas fases do proxecto de abastecemento á parroquia. 

SOLICITUDE DAS ACOMETIDAS

O Concello considera que non están rematados os proxectos de saneamento e abastecemento até que se pavimente a vía definitivamente. Se a vía é inferior a 4 metros de ancho, asfáltase toda a estrada, e no caso de que sexa maior de 4 metros (e teña dous carrís), paviméntase o carril afectado.

O concelleiro coordinador do rural, Alberto Oubiña lembra que todos aqueles veciños que non teñan feita a acometida antes destes asfaltados, e queiran facela despois, deberán asumir, tamén, a reposición da vía pública no material en que estea feita: terra, lousa, asfalto... Polo tanto, recorda que lles compensa solicitar neste momento as acometidas ás súas vivendas antes das pavimentacións e evitar gastos maiores no futuro. 

As acometidas de abastecemento, que se realizarán de 1 a 5 m/l en PE Ø 32 mm., con arqueta rexistro (tapa e marco fundición), apertura e reposición da gabia, todo completamente rematado teñen un custe de 369,49 euros.

As acometidas na rede de sumidoiros, que se realizarán de 1 a 5 m/l, en PVC Ø 160 mm., con arqueta rexistro (tapa e marco fundición), apertura e reposición da gabia, todo completamente rematado teñen un custe de 629,32 euros.

O coordinador do rural, Alberto Oubiña lembrou que coa actualización do contrato da auga de Pontevedra búscase completar a rede de saneamento do Concello e ampliar a do abastecemento cun investimento de preto de 60 millóns de euros.

As dúas obras desenvólvense ao mesmo tempo para apurar os prazos, minimizar as molestias e maximizar os beneficios.

Tamén afirmou que a rede de saneamento do Concello de Pontevedra é das máis amplas da contorna. Na actualidade dá servizo a un 96% das vivendas existentes, e as melloras do contrato serven para conectar o 4 ou 5% restante. Trátase daquelas vivendas de máis difícil conexión e que supuñan un custe maior. De feito, o custe medio de conexión é de 28.000 euros por vivenda, con picos de até 48.000 euros por vivenda.