O sindicato Co.Bas pide o cese inmediato de todo o equipo directivo do Complexo Hospitalario de Pontevedra

Pontevedra
22 de outubro 2020

Rafael Vázquez, representante de Co.Bas, lamenta que o novo conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña continúe a manter a actual xerencia do CHUP malia ter amosado a súa "ineficiencia" no control da pandemia por covid-19 e a grave afectación que está a ter entre o persoal sanitario

Rafael Vázquez, representante de Co.Bas, co megáfono nunha protesta sanitaria Prosagap, CESM e Co.Bas

Rafael Vázquez, representante do sindicato Comisións de Base (Co.Bas), esixe o inmediato cesamento de todo o equipo directivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) para que se substitúa por un novo. 

Alerta de que a actual Xerencia parece estar a facer tempo, grazas aos contratos de alta dirección "blindados", á espera de que os destitúan coa debida indemnización ou o traslado a outro posto para continuar co contrato "blindado".

Desde este sindicato lamentan que o novo conselleiro de  Sanidade Julio García Comesaña aínda manteña ao equipo que dirixe José Ramón Gómez a pesar de mostrar a súa ineficacia no control da pandemia e da grave afectación que se rexistra entre o persoal sanitario, co brote de casos positivos detectados no servizo de Oncoloxía.

Vázquez lembra que alertaron hai catro meses da falta de adopción de medidas adecuadas para conter a pandemia no medio sanitario e cren, a falta de datos oficiais, que xa se superou o número de 300 contaxios entre profesionais sanitarios da área sanitaria de Pontevedra.

Denuncian que a dirección continúa negandose a revisar os protocolos de actuación e a que se implante o uso obrigatorio de máscaras FFP2, primeiro método de protección individual que, entenden, debe empregarse entre os profesionais sanitarios.

Acusan a esta Xerencia de ocultar os problemas, marxinar aos profesionais e representantes laborais críticos, boicotear á xunta de persoal e ao comité de seguridade e saúde. Neste sentido, desde Co.Bas tamén critican a sindicatos como CIG, UXT, CC.OO., CSIF e SATSE, que contan con maioría na xunta de persoal ao "colaborar, claudicando, ante a Xerencia".