O Servizo de Emerxencias de Sanxenxo reduce o seu horario para abaratar custos

Sanxenxo
09 de febreiro 2021

Segundo o Concello de Sanxenxo esta medida é adoptada para evitar duplicacións nas intervencións co Parque de Bombeiros de Ribadumia. O goberno local de Telmo Martín indica que o custo anual deste servizo municipal de Emerxencias ascende a 723.174 euros. Asegura que a medida non supón recorte de persoal

Accidente no Vinquiño, Sanxenxo GES de Sanxenxo

"Insostible" é a palabra que utiliza o goberno local de Sanxenxo para definir os gastos de 723.174 euros anuais que o Servizo de Emerxencias de Sanxenxo supón para as arcas municipais.

O coñecido como GES de Sanxenxo"ten un custo moi alto", indican desde o goberno de Telmo Marín, xa que o 80% do seu orzamento, 579.799 euros, está financiado directamente polo  Concello, mentres que a Xunta de Galicia achega 81.375 euros e a  Deputación Provincial a cantidade de 62.000 euros ao ano.

O  Concello sinala que aqueles municipios de menos de 20.000 habitantes para atender as emerxencias contan con grupos de emerxencia supramunicipal ou de parques de bombeiros provinciais. Nestes casos, segundo o convenio de 2018 entre a Xunta e a Fegamp, o 52,5,% do orzamento destes grupos corre a cargo da Xunta, mentres que as deputacións achegan o 40% e os  concellos o 7,5%.

Sinalan desde o goberno local que para evitar a duplicidade de servizos co parque de bombeiros do Salnés, situado en Ribadumia, que tamén atende as situacións de emerxencia no municipio turístico, o máis razoable é reorganizar o servizo local.

Con esta idea, segundo expoñen, reduciranse os gastos sen prescindir das 18 persoas que forman parte deste Servizo de Emerxencias actualmente. Esta nova organización contempla cubrir 16 horas e non as 24 horas diarias como sucede  neste momento. As horas que non cobre o servizo municipal estarían atendidas polos bombeiros de Ribadumia.

Do persoal actual, 12 traballadores seguirán coas mesmas funcións que ata o de agora e os 6 restantes ocuparanse de novas funcións municipais relacionadas co medio ambiente, como roza de cunetas e camiños para evitar incendios, prevención de inundacións ou coidado ambiental.

Con esta medida reducirase ese orzamento en 200.000 euros anuais, unha cantidade económica que o Concello investirá noutros servizos máis demandados pola cidadanía e que carecen de suficiente persoal, segundo indican desde o goberno de Sanxenxo, que non especifica esoutros servizos.

Está previsto que a administración que dirixe Telmo Marín inicie reunións cos empregados de emerxencias para anunciarlles os cambios e establecer un período de diálogo cos seus representantes sindicais para reorganizar o servizo e manter os 18 postos de traballo.