O Sergas vacinará 4.300 menores de 60 anos na área sanitaria este martes

Pontevedra
17 de maio 2021

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés seguirá este martes 18 de maio co proceso de vacinación ao colectivo de persoas entre 50 e 59 anos. 3.200 persoas vanse vacinar no recinto feiral de Pontevedra e outras 1.100 no recinto feiral Fexdega de Vilagarcía. Todos recibirán unha dose de Pfizer

Proceso de vacinación fronte á covid-19 Sergas

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés seguirá este martes 18 de maio co proceso de vacinación fronte á covid-19 ao colectivo de persoas entre 50 e 59 anos. En total, 4.300 menores de 60 recibirán unha dose da vacina de Pfizer en recintos para a vacinación masiva. 

Segundo a previsión de vacinación do Servizo Galego de Saúde, 3.200 persoas vanse vacinar no recinto feiral de Pontevedra, 1.700 en horario de mañá e 1.500 pola tarde. 

Outras 1.100 persoas van recibir a súa dose de Pfizer no recinto feiral Fexdega de Vilagarcía. Un total de 600 foron convocados pola mañá e 500 pola tarde.

O Sergas empezou a administrar a vacina de Pfizer a persoas menores de 60 anos o pasado martes 11 de maio. A este colectivo xa o empezaran a vacinar con AstraZeneca,  pero a inoculación tivo que suspenderse ao pasar a recomendarse esa vacina só para maiores de 60 e agora retómase. 

No primeiro día de vacinación a este colectivo, na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés foron citadas un total de 3.900 persoas en centros de vacinación masiva.