O Sergas ultima o servizo de pediatría en Cerdedo-Cotobade, con consulta dúas tardes á semana

Cerdedo-Cotobade
31 de outubro 2023

O xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores Arias, mantivo este martes unha xuntanza técnica co alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e a subdirectora asistencial da área médica, Dolores Pan

Dolores Pan, José Flores e Jorge Cubela Sergas

A área sanitaria de Pontevedra e o Salnés está a ultimar os detalles para dotar de cobertura de pediatría a Cerdedo-Cotobade. Están a xestionar unha consulta no municipio dúas tardes á semana a partir deste mes de novembro.

O xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores Arias, mantivo este martes unha xuntanza técnica co alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e a subdirectora asistencial da área médica, Dolores Pan. 

Na reunión, celebrada no Hospital Provincial, José Flores informou a Jorge Cubela que o Servizo Galego de Saúde está a xestionar a prestación de consulta da especialidade de Pediatría de Atención Primaria neste Concello xa a partir deste mércores 1 de novembro.

Flores Arias reiterou o firme compromiso do Servizo Galego de Saúde para continuar coas xestións administrativas posibles para acadar novas coberturas de profesionais de Atención Primaria nos centros de saúde do municipio

Tamén lembrou ao alcalde que "persiste o condicionante de paro cero" nas especialidades de Pediatría e Medicina Familiar e Comunitaria, de tal xeito que a ausencia destes profesionais para contratar "xera atrancos para efectuar coberturas con continuidade en varios concellos desta área de saúde", ao igual que no resto de Galicia e de España.