O Sergas reprograma consultas, probas diagnósticas e cirurxías nos hospitais

Pontevedra
15 de marzo 2020

O obxectivo é deixar espazos, camas e tecnoloxía ao dispor de posibles contaxios como consecuencia do virus, segundo explicou o presidente da Xunta. Feijóo pediu a Pedro Sánchez que o Goberno central garanta as subministracións de equipamento, aparataxe e produtos de protección para todo o persoal sanitario  

Consulta de Atención Primaria Sergas

A Xunta de Galicia adoptou novas medidas encamiñadas a mellorar a atención sanitaria durante a situación de emerxencia polo avance do coronavirus e, entre outras cuestións, o Servizo Galego de Saúde decidiu reprogramar a atención sanitaria común nos hospitais.

O obxectivo é deixar espazos, camas e tecnoloxía a disposición de posibles contaxios como consecuencia do virus, segundo explicou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

O presidente indicou este domingo que o Sergas reprogramou consultas, probas diagnósticas e cirurxía programada. Fixérono en función das propostas de cada xerente de área.

Feijóo anunciou estas medidas na rolda de prensa posterior á videoconferencia co presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, e co resto dos presidentes autonómicos.

Nese encontro, pediu ao presidente Sánchez que o Goberno central garanta as subministracións de equipamento, aparataxe e produtos de protección para todo o persoal sanitario e subliñou que é imprescindible que o Goberno central actúe como unha única central de compras e con toda a capacidade que ten ao sumarse todos os servizos de saúde.

No tocante ás fórmulas para incrementar o persoal, o presidente da Xunta informou da necesidade de que se recoñeza a especialidade dos médicos residentes e dos farmacéuticos residentes, que están a finalizar o último ano de formación.

Feijóo tamén trasladou a Pedro Sánchez que a unidade, a lealdade e a coordinación de Galicia co Goberno de España está garantida, pois "non é o momento de ver o que se podería facer, senón de ver que podemos facer todos xuntos".

O presidente da Xunta confirmou que calquera cidadán que se atope en Galicia e teña o seu domicilio habitual fóra da comunidade autónoma pode volver ao seu lugar de orixe ou quedar e expuxo a Sánchez a necesaria coordinación fronteiriza con Portugal, co obxectivo de que España e o país veciño apliquen as mesmas medidas e os mesmos requirimentos.