O Sergas garante que todos os PAC da área sanitaria teñen médico este martes

Pontevedra
19 de xullo 2022

A Xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés asegura que todos os Puntos de Atención Continuada (PAC) terán cobertura dun médico en todas as súas quendas e que no caso da Parda, terá dous na quenda de tarde. Lembran a o Goberno central a necesaria busca de solucións ante a situación de falta de médicos xeralizada

O Centro de Saúde da Parda é un dos que aumentou a atención pediátrica Mónica Patxot

A situación de caos e colapso da atención sanitaria denunciada desde hai semanas na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ten este martes un pequeno respiro. Así se pode desprender da única comunicación oficial realizada desde a Xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que garante que hai médico en todos os Puntos de Atención Continuada (PAC).

A Xerencia fixo púlblico un comunicado no que indica que todos os PAC desta área sanitaria terán cobertura dun médico en todas as súas quendas este martes e que no caso do máis grande de todos, o da Parda, en Pontevedra, terá dous médicos na quenda de tarde.

A comunicación do Sergas lembra que hai unha situación de falta de médicos xeralizada no primeiro nivel asistencial e que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, volveu esixir este luns ao Goberno central a adopción de medidas urxentes para a resolver a escaseza de facultativos que sofre o Sistema Nacional de Saúde.

Sanidade insiste en que que a falla de facultativos é "o problema máis urxente" que ten neste intre a sanidade española e o conselleiro sinalou que son precisas medidas de alcance estatal para resolver un problema que excede as competencias das comunidades autónomas.

"Non queremos escapar das nosas competencias, senón que reclamamos medidas para poder exercelas", sinalou García Comesaña, que asegura que a Xunta de Galicia non ten máis marxe de actuación nese eido, cubrindo o 100% das prazas formativas de medicina de familia que lle acreditan, duplicándoas nos últimos anos, e contratando ao 100% dos profesionais dispoñibles, estando as listas de contratación a cero.

Sanidade agarda que no transcurso da vindeira Comisión de Recursos Humanos do Consello Interterritorial, que se celebrará o 26 de xullo, o Goberno central aborde en profundidade a situación da atención primaria e adopte medidas de calado que posibiliten desatascar a situación.