O Sergas estende a teleasistencia aos doentes crónicos da área sanitaria de Pontevedra

Pontevedra
21 de xullo 2018

Telea é unha das apostas do Sergas para conseguir unha abordaxe integral da cronicidade na atención primaria grazas ao uso das novas tecnoloxías e, nestas últimas semanas, ampliouse aos centros de Vilagarcía de Arousa, Lérez, Monteporreiro, A Parda, O Grove e Bueu

Centro de Saúde da Parda Gabriela Varela Asorey

Un dos fitos destacados polo Sergas do primeiro semestre na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés foi a expansión e implantación do programa Telea, pilotado previamente nos centros de saúde de Forcarei e Vilanova de Arousa.

Telea é unha das apostas do Sergas para conseguir unha abordaxe integral da cronicidade na atención primaria grazas ao uso das novas tecnoloxías e, nestas últimas semanas, ampliouse aos centros de Vilagarcía de Arousa, Lérez, Monte Porreiro, A Parda, O Grove e Bueu.

Trátase dunha plataforma que permite implantar un modelo de control teleasistido do paciente crónico dende atención primaria, de maneira que, tras solicitar de forma voluntaria a inclusión no programa, os pacientes teñen a posibilidade de medir no seu domicilio de forma regular e autónoma as súas variables (tensión, glucemia...) e rexistrar os resultados no programa, que posteriormente aparecerán incluídos na súa historia clínica.

O profesional sanitario responsable do seu control pode visualizar e revisar esas constantes, ademais de comunicarse co paciente de ser necesario. Dita comunicación pode realizarse por vía telefónica, videoconferencia ou mesmo de forma presencial.

Deste xeito, o persoal de enfermería exercerá as funcións de xestor de casos cos pacientes crónicos pluripatolóxicos que están nos seus domicilios.