O Sergas e a Asociación Española contra o Cancro de Pontevedra referendan a súa colaboración conxunta durante todo o ano

Pontevedra
03 de novembro 2022

O xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, mantivo este xoves no hospital Provincial un encontro coa presidenta desta entidade, Carmen Abeledo, na que reeditaron os protocolos de dispoñibilidade e colaboración conxunta que ambas institucións comparten

Reunión no Provincial entre os responsables da área sanitaria e da AECC de Pontevedra Sergas

O xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores Arias, mantivo este xoves no hospital Provincial de Pontevedra un encontro coa presidenta da Asociación Española contra el Cáncer en Pontevedra, Carmen Abeledo Márquez, na que se reeditaron os protocolos de dispoñibilidade e relación que ambas institucións comparten e revisan, refrendando deste xeito a súa colaboración conxunta durante todo o ano.

Ambos responsables lembraron os distintos programas, servizos e actividades que actualmente desenvolve esta Asociación na Área Sanitaria, ademais de refrendar os diferentes convenios vixentes nos tres centros hospitalarios integrados na área cara a continuar mellorando a calidade de vida dos pacientes con algún tipo de cancro e das súas familias.

Durante a reunión no Hospital Provincial do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, o xerente José Flores incidiu na relevante aportación solidaria dos programas da Asociación Española contra el Cáncer ao Sistema Sanitario Público da comarca. O responsable sanitario subliñou que Galicia é unha das comunidades autónomas españolas con maior cifra de voluntariado activo, cunhas porcentaxes que se incrementan cada ano entre un colectivo no que 6 de cada 10 voluntarios son mulleres. “A suma das vocacións dos profesionais sanitarios e a do voluntariado sempre mellorará o mundo. É importante coidar e fomentar esta actitude solidaria entre a poboación de Pontevedra e O Salnés”, matizou José Flores Arias.

Pola súa banda, a presidenta da Asociación Española contra el Cáncer en Pontevedra, Carmen Abeledo, agradeceu a longa e satisfactoria colaboración bilateral co Servizo Galego de Saúde en diversos programas de voluntariado, acompañamento de pacientes e iniciativas de humanización de espazos na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.