A Sala Nauta de Sanxenxo será escenario durante esta semana dun novo cribado no que o Servizo Galego de Saúde busca detectar o maior número posible de portadores asintomáticos, o que permitirá reducir a cifra de contaxios de coronavirus.
Trátase dun cribado poboacional voluntario con PCR nasofarínxea para o que a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés vai convocar por SMS a 3.500 habitantes de Sanxenxo que teñen entre 15 e 39 anos. Vaise convocar a persoas que teñen a tarxeta sanitaria activa nesta localidade.
Os cribados, que se realizan en coordinación co Concello de Sanxenxo, faranse os vindeiros xoves 2 e venres 3 de setembro en horario de mañá e tarde, de 9 a 14 e de 16 a 21 horas.
Na Sala Nauta traballarán dous equipos de enfermaría por cada quenda, que efectuarán tarefas de control e cumprimento das medidas de seguridade, realización das tomas de mostras e información aos usuarios.
Todas as mostras tomadas con PCR nasofarínxea en Sanxenxo procesaranse no servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e os resultados que sean negativos en covid-19 serán comunicados aos usuarios por SMS.
No caso de resultar positivos, estas notificacións comunicaranse de xeito individual a cada cidadán.