O Sergas anuncia a reapertura da planta de oncoloxía pechada polo gromo de Covid no Hospital Provincial

Pontevedra
24 de outubro 2020

Doutra banda a área Sanitaria concluíu o cribado xeral realizado a 200 pacientes e 1.300 profesionais do Hospital Provincial, pero non informará dos resultados ata coñecelos na súa totalidade, aínda que fontes hospitalarias sinalan que se detectaron contaxios no servizo de Medicina Interna

Urxencias do Hospital Provincial
Urxencias do Hospital Provincial / Mónica Patxot

A área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés confirmou que a planta de Oncoloxía 2 do Hospital Provincial reactivará o seu labor asistencial "nas próximas horas".

Farao despois de finalizar o proceso intensivo de limpeza e desinfección de habitacións, espazos comúns e áreas de uso profesional motivado polo importante gromo de Covid que obrigou a pechar a planta.

Segundo o Servizo Galego de  Saúde, os pacientes que estaban ingresados nesta planta e deron positivo por coronavirus continúan coa súa evolución no Hospital de Montecelo, mentres que o resto de contaxiados atópanse illados nos seus domicilios.

Este brote provocou a realización dun cribado xeral ao que se someteron preto de 200  pcientes e 1.300 profesionais do Hospital Provincial e que concluíu este sábado 24. Con todo o departamento de comunicación da área sanitaria sinalou que non informará dos resultados das PCR ata ter a relación completa, aínda que fontes hospitalarias sinalan que se detectaron contaxios polo menos no servizo de Medicina Interna.

Este cribado xeral é o primeiro que se realiza nun centro hospitalario público de Galicia desde o inicio da pandemia.