O Sergas anula cirurxías "demorables" para tentar estabilizar a atención hospitalaria na área sanitaria

Pontevedra
23 de xullo 2022

Ademais a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés informa que reforzou o servizo de Medicina Interna activando quendas de tarde e coa contratación de dous novos facultativos

Entrada ao servizo de Urxencias en Montecelo Mónica Patxot

A situación de presión asistencial na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés segue a ser moi elevada, o que levou ao Sergas para tomar unha serie de decisións para tentar estabilizar o servizo nos seus hospitais.

Entre esas medidas destaca a "anulación de ingresos programados para intervencións cirúrxicas demorables, mantendo toda a cirurxía oncolóxica, prioritaria e a de pacientes ingresados", explica o Servizo Galego de Saúde.

Doutra banda activáronse quendas de tarde no servizo de Medicina Interna durante o mércores, 20, xoves 21 e venres 22 de xullo, coa contratación de dous novos facultativos, e decidiuse habilitar novas camas para ingresos utlizando as de Cirurxía Maior Ambulatoria (CMA) e da Unidade Polivalente.

Ademais decidiuse ingresar a pacientes que habitualmente ingresarían en Medicina Interna noutros servizos da área, e anuláronse dúas salas programadas de exploracións endoscópicas para redistribuír o persoal de enfermería e o apoio de facultativos de Dixestivo para atender a urxencia de Medicina Interna polas mañás.

Son as medidas adoptadas explicadas pola área Sanitaria ante o "incremento significativo" da demanda asistencial nos seus hospitais. En concreto o Sergas pon de exemplo a xornada do pasado sábado 16 de xullo, xornada na que as urxencias de Montecelo contaron cun pico de asistencia ao atender a 223 pacientes en 24 horas, cun alto procentaje de ingreso (21%), o que supón que un de cada cinco pacientes atendido en urxencias necesitou ser ingresado.

Pola súa banda, no Hospital do Salnés o pico da demanda asistencial alcanzouse entre as xornadas do venres, día 15, e do sábado día 16, con 181 urxencias.