A mobilidade e o deseño urbano son temas que están na axenda política de México. O goberno do país azteca está a renovar a súa lexislación en materia de asentamentos urbanos e busca referentes para mellorar as súas cidades. Pontevedra será un deles. O Senado cursou unha invitación oficial para que a Boa Vila lles presente o seu modelo urbano.
Así o explicou o secretario da Comisión de Desenvolvemento Urbano e Ordenación Territorial do Senado mexicano, Fernando Cota, que se atopa visitando Pontevedra estes días para coñecer os detalles técnicos deste modelo, preparando a visita que o alcalde devolverá a México o próximo mes de agosto.
Para Cota, Pontevedra non é descoñecida. "Intento venir, como mínimo, cada dos años", asegurou ante a prensa. A súa orixe galega ten moito que ver, xa que os seus catro avós son de Marín e de Avión (Ourense). Grazas a estas visitas, destacou, "he visto como la ciudad ha ido cambiando y es impresionante".
O representante do Senado mexicano sinalou que Pontevedra "es una de las mejores ciudades europeas de tamaño mediano", en materia de mobilidade e deseño urbano, demostrando "cómo un modelo de ciudad puede generar un modelo de convivencia", permitindo que os seus cidadáns "se sientan parte de una gran comunidad".
Ademais, Fernando Cota avanzou que á comisión que representa chámalle especialmente a atención a aposta realizada polas pequenas e medianas empresas, en detrimento de as grandes áreas comerciais, "dando vida a los barrios", unha estratexia que buscan trasladar a México xunto coa defensa dun modelo peonil que reduza a presión do tráfico.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, será quen presente o modelo urbano de Pontevedra no Senado de México. Será o 31 de agosto no seo da Comisión de Desenvolvemento Urbano e Ordenación Territorial, formada por cinco senadores "muchos de los cuales fueron alcaldes", explicou Cota.
O seu presidente, o senador Francisco Búrquez, tamén visitou Pontevedra nos últimos meses "como turista", polo que ao coñecer que a cidade acudirá a México DF para asistir á feira Expopymes e dar unha conferencia no Instituto Tecnolóxico Autónomo de México (ITAM) non dubidaron en estender a súa invitación.
"Iremos humildemente a expoñer a nosa posición", explicou Fernández Lores, que celebrou que o modelo aplicado en Pontevedra "poida servir de exemplo" para outras cidades. Todo iso axuda, engadiu, "a que xente veña aquí" e ademais de coñecer a cidade "disfrute da gastronomía, das praias ou do noso patrimonio".
Ademais do Concello, a visita institucional de Fernando Cota a Pontevedra incluíu unha recepción na Deputación, onde foi recibido pola presidenta, Carmela Silva, e o vicepresidente, César Mosquera, que lle detallaron a política de mobilidade que o novo goberno provincial puxo en marcha nos últimos meses.