Os militares da Brigada de Infantería Lixeira (Brilat) desprazados desde hai uns días en Afganistán para asumir a próxima misión de España no país asiático recibiron este luns unha visita inesperada. A vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, e o ministro de Defensa, Pedro Morenés, visitaron ao continxente español despregado na base de Herat.
Entre quen tiveron a oportunidade de encontrarse coa vicepresidenta e mesmo de facerse un selfie con ela atopábanse militares da base pontevedresa da Brilat. A brigada aínda non tomou o relevo da misión, pero todos os efectivos están xa despregados en zonas de operacións.
A Brilat aporta 280 militares dos máis de 450 despregados. Este luns, durante as catro horas que Soraya Sáenz de Santamaría permaneceu no país, tamén recibiron a visita do xefe de Estado Maior da Defensa, o almirante xeral Fernando García Sánchez; e da subsecretaria de Defensa, Irene Domínguez-Alcahud.
Na que era a súa primeira visita da vicepresidenta a militares españois despregados nunha misión no exterior, percorreu as instalacións da base, visitou o hospital ROLE-2 e mantivo un encontro coas tropas españolas.