O secretario de Estado de Turismo confirma máis de 8 millóns de euros de investimento no Salnés

O Salnés
28 de setembro 2022

A Deputación formará parte dos grupos de traballo para a posta en marcha da nova Plataforma de Destinos Turísticos Intelixentes dotada con 130 millóns de euros

Intervención no Grove do secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés Deputación de Pontevedra

A provincia de Pontevedra viviu este martes, Día Mundial do Turismo, unha intensa xornada en torno a este sector estratéxico na que o secretario de Estado Fernando Valdés, de visita oficial para celebrar a data, anunciou "una inversión histórica" en distintas actuacións turísticas no territorio. 

Valdés acompañado da presidenta da Deputación, Carmela Silva, e do alcalde de Vigo, Abel Caballero, explicou na apertura do foro TurisTIC, no Auditorio Pazo de Congresos Mar de Vigo, a posta en marcha dun proxecto de Plataforma de Destinos Turísticos Intelixentes.

Estará dotado con 130 millóns de euros e del formará parte activa a institución provincial a través da súa integración nun dos grupos de traballo. 

Posteriormente, xunto a Carmela Silva, visitou Baiona e O Grove e anunciou alí investimentos que superan os dezasete millóns de euros.

Así, a secretaría de Estado investirá nove millóns na vila do Val Miñor, sete deles para a recuperación das murallas do Parador e a instalación de iluminación exterior, amais de dous millóns destinados a plans de sustentabilidade; e máis de oito millóns en actuacións na comarca do Salnés.

Nunha xuntanza da Mancomunidade do Salnés, Valdés anunciou que estes máis de oito millóns de investimentos na comarca a través dos fondos Next Generation destinaranse á recuperación de patrimonio, comercio, promoción, dixitalización e apoio ao sector turístico.