O saneamento do río Lameira ponse en marcha coa primeira reunión técnica de traballo

Marín
23 de marzo 2023

A alcaldesa, María Ramallo, presidiu este encontro de traballo con representantes de Augas de Galicia e da empresa adxudicataria de cara ao inminente inicio das obras, que comezarán as tarefas previas no mes de abril

Reunión técnica no Concello de Marín previa ao comezo das obras de saneamento do río Lameira Concello de Marín

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, acompañada dos edís de Urbanismo, Manuel Santos, e de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, presidiu esta mañá na sala de xuntas do Concello unha reunión técnica de cara ao inminente comezo das obras de saneamento que a Xunta de Galicia levará a cabo no río Lameira.

Na reunión estiveron presentes representantes de Augas de Galicia, da UTE Petrolam Infraestructuras, que resultou a empresa adxudicataria, da dirección de obra e dos técnicos municipais. A finalidade da mesma era a de poñer sobre a mesa a situación e as necesidades de cara ao arranque da obra, que está previsto para a primeira semana de maio.

Antes, está previsto que xa neste mes de abril se inicien os traballos previos, delimitando as zonas que foron obxecto de expropiación e preparando o terreo para o arranque da actuación, que se irá executando por tramos ao longo dos 12 meses que ten de prazo para o seu remate.

A actuación suporá a optimización da rede de saneamento do entorno do río Lameira, reducindo a entrada de augas brandas e regulando a derivación de caudal á depuradora en tempo de chuvia.

Renovarase o colector, actuando sobre unha lonxitude de 1.600 metros cadrados, desde a súa orixe en Coirados ata o casco urbano, con 5 cambios de marxe. Retirarase o colector actual do río e habilitarase un acceso para o seu mantemento, no que se prevén tres pasarelas.

Tamén se construirá un depósito de retención de augas abaixo e actuarase sobre a estación de bombeo existente para corrixir as deficiencias que orixinan frecuentes alivios ao río.

Esta intervención é froito da colaboración entre a Xunta e o Concello, xa que se asumiron case 80.000 euros de inversión para o custe das expropiacións. A inversión global do proxecto ascende a 3,1 millóns de euros.