O saneamento de Verducido, en obras antes de que acabe o mes

Pontevedra
11 de febreiro 2019

O Goberno local acaba de aprobar os dous primeiros proxectos que se executarán con cargo ao contrato da auga e que, polo tanto, financiará a empresa concesionaria, Viaqua. Trátase deste proxecto para a primeira fase do saneamento de Verducido y o que afecta á rúa Porta Grande 

Traballadores da empresa Viaqua Mónica Patxot

A primeira fase das obras de saneamento de Verducido, que afectan á zona da parroquia máis próxima a Pontevedra, estarán en marcha antes de que remate este mes de febreiro, segundo anunciou este luns o voceiro do Goberno local, Raimundo González.

O Concello de Pontevedra acaba de aprobar os dous primeiros proxectos que se executarán con cargo ao contrato da auga e que, polo tanto, financiará a empresa concesionaria, Viaqua. Trátase deste proxecto para a primeira fase do saneamento de Verducido y o que afecta á rúa Porta Grande, na contorna de Conde Bugallal.

Os proxectos redactounos a empresa Viaqua e xa recibiron o visto e prace da Xunta de Goberno local. En relación coa obra máis ambiciosa, a de Verducido, agora está pendente de recibir os plans de seguridade e de xestión de residuos e do nomeamento do coordinador da obra. Unha vez entregada esta documentación, poderá empezar a obra, de maneira que o Concello dá por feito que será antes de que remate febreiro.

 A primeira fase do saneamento da parroquia de Verducido afectará a unha zona de 8.201 metros lineais, dará servizo a unhas 100 vivendas e supón un investimento de 2.428.932,77 euros. Vai supoñer retirar boa parte da rede primaria instalada e non utilizada, instalar 8.201 metros lineais de tubaxe de 315 ou 200 milímetros -en función da zona-, renovar o colector e tamén crear 255 pozos de rexistro. 

A obra terá unha segunda fase que xa está en tramitación, pois a empresa está a redactar o proxecto. Terá maior alcance, pois suporá dar servizo a 309 vivendas. 

En canto ao proxecto da Porta Grande, unha rúa paralela á Conde Bugallal e perpendicular á rúa do Monte, ten un orzamento de 125.876,74 euros e un prazo de execución de 2 meses. Neste caso, afectará a unha zona de 160 ou 170 metros lineais nas que se instalará o saneamento e se reurbanizará a rúa, que pasará a ter pllataforma única e nova iluminación pública.