Conta atrás para o Samaín Briz, a festa que cada 31 de outubro transforma a Finca de Briz de Marín nunha auténtica vila de medo e diversión.
A concelleira de Festas, Marián Sanmartín, mantivo encontros cos representantes dos colectivos e entidades que colaboran na festa.
A Fundación Juan XXIII, a comparsa Os da Caña e o Club Deportivo La Peña volverán ser os piares deste evento, aos que xa se lles sumaron o ano pasado as comparsas Cor Café e Val do Lérez. Este ano tamén participará a comparsa As Sonecas.
Logo desas reunións, a concelleira lembra que todos os colectivos que queiran poden sumarse á festa e anima a aqueles que queiran participar a que se poñan en contacto con Concello a través do mail alcaldia@concellodemarin.es ou por teléfono, no 986 88 03 00.
Como novidade, os espectáculos pasarán a facerse no entorno da lagoa principal, e o PequeSamaín estará en toda a zona do Auditorio.
A concelleira cifra en 50.000 euros a inversión que o Concello fai na festa, contando cunha subvención da Deputación de Pontevedra de cerca de 25.000 euros. Esta contía destínase a pagar a todas ás entidades colaboradoras, á loxística, ás actuacións e espectáculos e á xestión do PequeSamaín, con monitorado.