Dous ámbitos naturais de Pontevedra son xa espazo natural de interese local (ENIL). Tras a declaración como tal da Xunqueira de Alba en 2012, a Xunta de Galicia vén de confirmar esta mesma protección ambiental para o río Gafos.
O novo espazo protexido confórmase arredor do río e ocupa unha extensión de 49.8 hectáreas localizadas integramente polo termo municipal de Pontevedra e é unha zona moi concorrida polos veciños deste municipio.
Desde o punto de vista dos valores naturais, o ENIL dos Gafos protexerá unha zona moi rica en canto á biodiversidade.
Así, destaca sobre todo por ter unha comunidade vexetal moi diversa con presenza de bosques ribeiregos de gran densidade nos cales destaca a Narcissus cyclamineus, planta endémica da Península Ibérica, pero tamén por albergar 20 especies de mamíferos, 92 de aves, 11 especies de anfibios e outras tantas de réptiles, ademais dunha amplísima variedade de insectos.
Esta figura de protección suporá para o Concello de Pontevedra, promotor da solicitude e responsable da súa xestión, asumir o compromiso de poñer en práctica todas as medidas necesarias para garantir a conservación dos valores naturais que representa.
A declaración tamén lle dará preferencia no acceso e obtención de axudas destinadas a garantir a súa preservación e mellorar a xestión desta zona.
Este plan de conservación, que se establece por un período inicial de dez anos, senta as bases técnicas para garantir a conservación das especies e hábitats presentes no río Gafos, valores que xustificaron precisamente a súa declaración como ENIL.
Tamén recolle unha serie de medidas orientadas á recuperación progresiva do ecosistema fluvial cun importe total previsto de 230.000 euros, que achegará o Concello de Pontevedra, como promotor e xestor deste espazo, e que se investirán principalmente en mellorar a calidade da rede de sumidoiros no río e do ecosistema fluvial.
O plan inclúe a posta en marcha doutras medidas concretas, como a eliminación de especies exóticas invasoras, a mellora do bosque de ribeira, o mantemento das marxes e das reservas para aves, a adecuación da temporalidade dos traballos que se acometan na zona, a realización de estudos de fauna e flora ou a sensibilización ambiental da poboación.