O rexeitamento á pasteira de Altri comparte protagonismo na marcha contra ENCE

Pontevedra
16 de xuño 2024

"Nin Ence na ría nin Altri na Ulloa. Celulosas fóra!", corearon as persoas que secundaron esta mobilización organizada pola Asociación pola Defensa da Ría (APDR) xunto ás plataformas Ulloa Viva e Defensa da Ría de Arousa

Marcha contra Ence Ecoloxistas en Acción

A tradicional Marcha contra ENCE tivo este domingo un protagonismo compartido no rexeitamento dos manifestantes á fábrica pasteira de Lourizán e ao proxecto de Altri na localidade lucense de Palas de Reis.

"Nin Ence na ría nin Altri na Ulloa. Celulosas fóra!", corearon as persoas que secundaron esta mobilización organizada pola Asociación pola Defensa da Ría (APDR) xunto ás plataformas Ulloa Viva e Defensa da Ría de Arousa. Ademais, apoiaron esta mobilización Greenpeace, Adega, Plataforma Ría de Vigo-Cíes, Ecoloxistas en Acción ou Verdegaia, entre outros colectivos. 

Tamén asistiu o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e numerosos cargos do BNG, entre eles, a senadora Carme da Silva e a eurodeputada electa Ana Miranda.

O presidente de APDR, Antón Masa, cifraba en preto dos catro mil os participantes nesta protesta. "Se o ano pasado eramos uns 2.000, este ano podemos ser case ou dobre", afirmou.

Os manifestantes portaban pancartas nas que se lía: "A defensa da terra é autodefensa", "Altri-Greenfiber quédanse coa pasta e nós coa peste", "Dende a Ulloa ata a Ría. Terra, auga e aire son vida!", "O litoral, espazo natural", "Polo mar e o dominio público marítimo-terrestre", "Na defensa do noso mar".

O vento e a choiva non desanimaron aos participantes que iniciaron a súa marcha de maneira simultánea nas Alamedas de Pontevedra e de Marín para coincidir fronte á fábrica de Ence onde se deu lectura a dous manifestos. 

Pola súa banda, a APDR cualificou de "corrupto" ao Goberno da Xunta por permitir "non só a absurda e ilegal permanencia da fábrica de Ence, senón a ampliación das súas instalacións". 

Unha postura da Xunta, que segundo leu Antón Masa, busca "potenciar un modelo económico e depredador dos recursos naturais, do medio ambiente, a saúde e a calidade de vida ds persoas, en beneficio duns poucos, vendendo o patrimonio cultural, ambiental e paisaxístico do pobo galego a quen máis ofreza".

O manifesto de Ulla Viva destacou que "a loita que mantedes contra Ence e a que nós estamos a levar adiante para evitar a chegada de Altri, son parte dunha mesma loita". 

"Coñecidas as consecuencias que a presencia da Celulosa tivo nesta ría de Pontevedra, resultaba impensable que alguén pretendese impoñer este castigo en calquera outra zona do noso país; pero a lóxica non sempre funciona", denunciaron.

A marcha concluíu cun recordatorio a todos os presentes a participar na mobilización que haberá o domingo 30 en Santiago, cunha cadea humana que rodeará o edificio da Xunta en San Caetano, "para rexeitar o proxecto da pasteira e para esixir ao Goberno de Rueda que escoite á veciñanza e poña fin a este despropósito".