O remate da campaña de verán incrementa o paro en Sanxenxo, O Grove e Bueu

Pontevedra
04 de outubro 2021

O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego subiu en 1.790 desempregados en setembro en Galicia (+1,18%), fronte á caída histórica de España, segundo os datos proporcionados este luns polo Ministerio de Traballo e Economía Social

Soldador Mónica Patxot

A fin da campaña de verán incrementou o número de persoas desempregadas nos concellos de Sanxenxo, O Grove e Bueu onde o sector do turismo é un importante motor económico e xerador de postos de traballo.

A capital da provincia tamén reflicte un descenso do paro en setembro, situándose o total das persoas sen emprego en 4.925. Son 17 menos que en agosto. 

 

No municipio de O Grove o número de persoas desempregadas sitúase en 695 (son 215 máis que o mes anterior) e en Sanxenxo son 795 (+185). En Cambados hai 804 parados (+55), en Meaño 245 (+37), Ribadumia 256 (+19), Vilagarcía 2.877 (+45), Vilanova de Arousa 584 (+37) e na Illa de Arousa 211 (+17).

Como excepción nesta comarca do Salnés, o concello de Meis é o único que ofrece un saldo positivo cun total de 213 persoas desempregadas en setembro, dez menos que o mes anterior.

Na comarca de Pontevedra o balance é desigual, en Barro o total de persoas desempregadas é de 219 (+1), en Campo Lameiro 100 (-10), en Cerdedo-Cotobade 279 (+16), en A Lama 143 (+11), Poio 915 (+6), Ponte Caldelas 390 (-9), Vilaboa 320 (+4), Marín 1.366 (+20) e Bueu 711 (+59).

Na Caldas de Reis son 568 as persoas desempregadas (11 máis que en agosto), en Cuntis 238 (-16), Moraña 237 (+8), Portas 146 (-8).

 

AUMENTA O PARO EN GALICIA

O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego subiu en 1.790 desempregados en setembro en Galicia (+1,18%), fronte á caída histórica de España, segundo os datos proporcionados este luns polo Ministerio de Traballo e Economía Social.

En doce meses, a evolución do desemprego na comunidade galega reflicte un descenso do 13,32%, cun total de 23.520 persoas menos nesta situación e durante o período de crise sanitaria polo COVID, entre febreiro de 2020 e setembro de 2021, o paro caeu en Galicia un 7,9 %. O número total de persoas rexistradas en Galicia como demandantes de emprego é de 153.054 

O número de afiliados medios á Seguridade Social en Galicia durante o pasado mes de setembro foi de 1.034.229 persoas, un 0,5 % menos.

Por provincias, o paro creceu en todas, máis en Lugo en termos porcentuais, un 3,85 % e menos en Pontevedra, onde apenas creceu un 0,1 %.

No conxunto de España, o paro rexistrado diminuíu en 76.113 desempregados en setembro, marcando así o maior recorte para este mes da serie histórica, mentres que o número de afiliados medios á Seguridade Social aumentou en 57.387 persoas. 

Segundo os datos proporcionados este luns polos ministerios de Traballo e de Inclusión, o número total de afiliados situouse nos 19.531.111, mentres que o de desempregados quedou nos 3.257.802 persoas.

Arquivado en