O reitor quere acadar unha "Universidade máis igualitaria, internacional e galega"

Pontevedra
12 de outubro 2022

Acadar "unha Universidade máis igualitaria, máis internacional e máis galega. Unha universidade sostible e investigadora", ese é o obxectivo do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa e así o expuxo na primeira sesión do Claustro Universitario deste curso.

Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo Mónica Patxot

Acadar "unha Universidade máis igualitaria, máis internacional e máis galega. Unha universidade sostible e investigadora", ese é o obxectivo do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa e así o expuxo na primeira sesión do Claustro Universitario deste curso.

Entre os pasos que se están a dar neste sentido van dende a creación de comisións de traballo sobre o código ético e a normativa de convivencia ata a creación do Instituto Universitario de Física e Ciencias Aeroespaciais. 

Pero nesta folla de ruta posta en marcha hai moitas iniciativas en marcha como a recente aprobación dos proxectos TED, Transición Ecológica y Digital, o que supón a achega de algo máis de 6 millóns de euros. Reigosa sinala tamén outras novas que "acreditan a extraordinaria calidade do noso tecido investigador" como son a concesión doutros dous proxectos da convocatoria Horizonte Europa, a dous catedráticos do Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) a David Posada, cun orzamento de 541.000 euros e a Carmen Rodríguez-Argüelles, con 190.000 euros. 

Pero hay outras medidas en marcha como a redución da docencia despois do permiso de maternidade, o novo plan de docencia en galego nas aulas "previsto para finais do mandato", a listaxe continuou co Plan SUVI de sustentabilidade;  a creación da Oficina da Diversidade, a que se referiu como "algo moi importante",  e o firme propósito de traballar por lograr avances destacados no incremento da relación coas empresas, "para o que se creou unha vicerreitoría específica e no que, é obvio, eu mesmo vou estar implicado".

Dentro desta decena de medidas fundamentais incluíu o plan de funcionarización, "do que se agarda que haxa unha pequena ‘repesca’ a finais do 2023"; o establecemento dunha nova Relación de Postos de Traballo axustada ás necesidades presentes e futuras, "cunha fase de negociación que sabemos vai a ser complicada"; o proceso de estabilización e a oferta pública de emprego que, agardan, estea rematada en breve.

O reitor incluíu tamén nesta escolma dos eixes básicos de goberno a creación da universidade europea ATHENA (Advanced Technology Higher Education Network Alliance), unha iniciativa que ten como finalidade crear unha universidade europea con campus en nove países. 

A creación da Facultade de Enfermaría foi outros temas aos que tamén fixo mención o reitor. "En principio a negociación coas dúas consellerías implicadas está desbloqueada e a miña ilusión sería que no vindeiro curso xa se poida facer matrícula desta facultade como escola propia nos tres campus a través dos nosos tres complexos hospitalarios de Ourense, Pontevedra e Vigo", salientou o reitor, quen se referiu ao feito de ter catro escolas adscritas como "unha anomalía". 

O Plan de internacionalización e a captación de talento internacional forman tamén, segundo expuxo o reitor, parte fundamental da folla de ruta para os vindeiros catro anos, así como a posta en marcha dun Plan de captación 2022-2026, a aprobación de diferentes normativas relativas ao estudantado, a posta en marcha dun Plan integral para as asociacións de estudantes e a posta en marcha de diferentes actividades conxuntas entre as áreas de Cultura, Deportes e Normalización Lingüística.

En canto ás infraestruturas, no referido ao campus de Pontevedra, Manuel Reigosa explicou que UVigo solicitará á Xunta de Galicia algo máis de 53 millóns de euros para o período 2023-2026 para abordar, entre outras actuacións, un novo ximnasio en Ciencias Educación e do Deporte e o edificio modular na parcela de Tafisa. Está sobre a mesa unha reivindicación histórica da Facultade de Belas Artes, que pasa por abandonar o edificio que ocupan en usufruto. O reitor comprometeuse a estudar, de cara a o futuro, dúas posibles solucións: ou ben habilitar espazos para laboratorios de pintura e escultura no edificio modular que se constrúa en Tafisa, ou ben, a opción de trasladar a facultade ao completo a esa futura edificación.