Tras o xesto protagonizado por Luís Bará, que o pasado mércores rompeu dúas fotografías do Rey Felipe VI durante unha intervención no Parlamento galego, a figura do monarca español estivo moi presente no pleno da corporación municipal deste venres.
Non só porque o seu retrato presidía, como é habitual, esta sesión senón porque o PP quixo "afear" o xesto do concelleiro do BNG. Primeiro, de maneira sutil: unha foto situada polo edil José Luis Martín na bancada popular. E despois, a través dun cruzamento de declaracións entre o propio Bará e Jacobo Moreira.
Luís Bará, tras ser increpado polo PP, asegurou que "sei que lle molesta profundamente" e ratificouse nese xesto porque "hai que defender" a liberdade de expresión e dereitos "fundamentais" que están a ser "ameazados" por parte do Goberno.
"Faríao de novo", asegurou o dirixente do BNG, que acusou aos populares de ter un concepto da democracia "que cabería polo ollo dunha agulla" e advertiulles que "non me vai a amedrentar" un partido inmerso nunha "mafia de corrupción" e que utiliza, dixo, o aparello do Estado "para perseguir os que non pensan como eles".
O portavoz do PP, pola súa banda, censurou a actitude de Bará ao entender que "avergüenza" a todos os pontevedreses que rompese dúas fotos dunha figura que representa "un símbolo de consenso y democracia".
"La gente no le ha votado para eso", engadiu Moreira, que asegurou sentirse "dolido e insultado", engadindo que para defender a liberdade de expresión "no hace falta recurrir al insulto ni a la provocación".
OUTROS ASUNTOS
O resto do pleno, máis aló da moción socialista de apoio aos traballadores da xustiza, non tivo moita historia. Aprobouse, como estaba previsto, unha modificación de crédito próxima ao millón de euros -coa abstención de Marea- e o convenio urbanístico que permitirá rehabilitar o lavadoiro de San Amaro.
Marea logrou sacar adiante, a pesar do voto en contra do PP, a súa proposta para axilizar a apertura dun viario entre Eduardo Pondal e a avenida de Vigo. O mesmo resultado tivo a súa segunda iniciativa que, a pesar de certas dúbidas normativas, propón retirar os valados publicitarios que existen na ribeira dos Gafos.
Ademais, a corporación apoiou por unanimidade a petición á Xunta de Galicia para que resolva as deficiencias da residencia de Campolongo, pedido tanto por Cidadáns como polo PP; e a proposta do PSdeG-PSOE para destinar máis diñeiro ao convenio para financiar o autobús urbano a Monte Porreiro e crear abonos específicos para varios colectivos.
O Concello instará á Xunta a incluír o saneamento pendente en catro casas da Devesa no proxecto de senda peonil que se executará na zona, e non creará prazas de aparcadoiro express ante as farmacias, despois de que a moción do PP tan só lograra o apoio da edil de Cidadáns.