O rei das orquestras, de novo ante o xuíz o 20 de abril e con 12 novos delitos planeándolle

Pontevedra
02 de marzo 2017
Actualizado: 03 de marzo

O xuízo sinalárase para este xoves 2 de marzo, pero nos últimos días o novo avogado de 'Lito' pediu un adiamento para poder prepararse. O fiscal do caso, Augusto Santaló, considera que se trata dunha suspensión "absolutamente xustificada" porque o letrado acaba de chegar ao caso e "non tiña tempo material para estudar o tema" 

Ángel Martínez Pérez, coñecido como 'Lito', no banco dos acusados da Audiencia Mónica Patxot

O empresario Ángel Martínez Pérez, coñecido como 'Lito' e considerado o rei das orquestras de Galicia, volverá á Audiencia Provincial de Pontevedra o próximo 20 de abril. O pasado 9 de febreiro, cando se suspendeu por segunda vez o seu xuízo por seis delitos contra a Facenda Pública, sinalárase a vista para este xoves 2 de marzo. Con todo, finalmente non se celebrou, pois nos últimos días o seu novo avogado pediu un adiamento para poder preparar o caso

O fiscal do caso, Augusto Santaló, explicou que, neste caso, trátase dunha suspensión "absolutamente xustificada" porque o novo letrado acaba de chegar ao caso tras a renuncia do anterior na sesión dle 9 de febreiro e "non tiña tempo material para estudar o tema" e é un asunto "moi complexo".

Ademais, este xoves deuse a coñecer que o novo avogado ten intención de negociar coa Axencia Tributaria e, de feito, están en proceso, pero o fiscal explicou que "non teño máis información". 

O novo avogado falou coa Fiscalía Provincial, coa Avogacía do Estado e o tribunal da Sección Cuarta da Audiencia para pedir o adiamento e ningún se opuxo porque entenden que a petición é "seria e responsable" e finalmente concedéuselle "atendendo a que é loxico" que necesite máis tempo para poñerse ao día co procedemento. O propio letrado comentoulles que "para el este tempo é suficiente"

Neste xuízo que finalmente se celebrará o 20 de abril 'Lito' enfróntase a unha pena total de 14 anos de prisón e o pago de 52,7 millóns de euros por defraudar 9,5 millóns de euros no imposto de sociedades, o IRPF e o IVE  durante os anos 2011 e 2012. Ademais de devolver ese diñeiro, o fiscal solicita que se impoña unha multa que supera os 43 millóns de euros.

Os representantes da empresa recoñeceron ante o xulgado controlar entre un 50 e un 60% do sector das orquestras en Galicia, é dicir uns 20 millóns de euros ao ano, e as investigacións realizadas permiten ao fiscal concluír que a empresa ingresou no ano 2011 26.096.785 euros fronte aos 2.160.422, 76 euros declarados e en 2012 un total de 23. 973.409 fronte a 1.997.967,39.

NOVOS CASOS XA PECHADOS NO XULGADO

Este xoves tamén transcendeu que das causas xudiciais abertas contra 'Lito' dúas xa teñen a instrución xudicial pechada e poden supoñer que sente no banco por doce novos delitos. 

Un dos casos investiga a súa xestión da coñecida orquestra Filadelfia. O fiscal que leva o caso, Alejandro Pazos, xa terminou o seu escrito de acusación, no que sostén que 'Lito' cometería dous delitos fiscais ao defraudar en dúas declaracións de impostos diferentes. 

O outro, de maior gravidade, refírese a el como persoa física e ás súas declaracións do IVE, o IRPF e as retencións entre os anos 2009 e 2012. A causa lévaa o mesmo fiscal e considera que puido cometer dez delitos distintos contra a Facenda Pública, catro polas declaracións fraudulentas de IRPF, tres co IVE e outros tres coas retencións, de tal modo que se enfrontaría a penas de prisión e tamén ao pago de multas poden superar os tres millóns de euros.