O rei das orquestras, ante o 'panorama' de 14 anos de cárcere e máis de 50 millóns de multa

Pontevedra
27 de xaneiro 2017

O empresario Ángel Martínez Pérez, coñecido como 'Lito', que durante anos controlou a metade das orquestras de Galicia, entre elas Panorama, París de Noia e Filadelfia, sentará a próxima semana no banco dos acusados da Audiencia procesado por seis delitos contra a Facenda Pública

Audiencia Provincial de Pontevedra Mónica Patxot

O empresario Ángel Martínez Pérez, coñecido como 'Lito', que durante anos foi considerado o rei das verbenas de Galicia polo seu control da metade das empresas do sector e de orquestras como Panorama, París de Noia e Filadelfia, sentará a próxima semana no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Pontevedra para render contas por seis delitos contra a Facenda Pública.

Por estes delitos, enfróntase a unha pena total de 14 anos de prisón e o pago de 52,7 millóns de euros: unha multa de 21,6 millóns el, outra de 21,6 millóns a súa sociedade e a devolución ao Estado de 9,5 millóns de impostos defraudados durante os anos 2011 e 2012.

O xuízo está previsto para o vindeiro xoves 2 de febreiro ás 10.00 horas na Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra con 'Lito' como único acusado nun procedemento que é resultado de anos de investigacións por parte de Facenda e do fiscal de delitos económicos de Pontevedra, Augusto Santaló, tras ter coñecemento de que Espectáculos Lito non tributara o debido no imposto de sociedades, o IRPF e o IVE dos anos 2011 e 2012

O escrito de acusación formulado polo fiscal sostén que neses dous anos a contabilidade oficial de Representacións Lito "non recolle a imaxe fiel da empresa", pois se contabilizan ao 100% os ingresos dos clientes que queren factura, pero iso supón aproximadamente un 8% do facturado, cando os que non piden factura son o 92% restante.

Ademais, tampouco se recollen os gastos polos servizos das orquestras, que son opacas, nin os dos representantes utilizados para conseguir as contratacións e contabilízanse como gastos facturas emitidas por outras empresas do grupo por distintos conceptos como material ou transporte. Dada esta circunstancia, para poder coñecer a verdadeira realidade económica pola que debería tributar é necesario analizar documentación extracontable. 

O fiscal lembra que a misión de Espectáculos Lito non se limita a poñer en contacto aos clientes coas orquestras, senón que a súa cifra de negocio vén determinada polo produto vendido, que procede da produción musical e da intermediación. O balance de actuacións por orquestra e o balance de actuacións por representante coñécese pola documentación non oficial e permite fixar o volume total do negocio polo que debería pagar os distintos impostos.

Os representantes da empresa recoñeceron ante o xulgado controlar entre un 50 e un 60% do sector, é dicir uns 20 millóns de euros ao ano, e as investigacións realizadas permiten ao fiscal concluír que a empresa ingresou no ano 2011 26.096.785 euros fronte aos 2.160.422, 76 euros declarados e en 2012 un total de 23. 973.409 fronte a 1.997.967,39.

Partindo dos ingresos e gastos analizados, o resultado contable (rendemento) no exercicio 2011 ascendeu a 998.194,87 euros e a 969.097,65 no exercicio 2012, cando a contabilidade oficial tan só recolle 47.319,38 o primeiro ano e 24.810,91 o segundo. Isto implica que no imposto de sociedade deixou de pagar a Facenda unha cantidade que supera os 500.000 euros.

Esa diferenza detectada no imposto de sociedades tamén se detecta no caso do IVE e o fiscal mantén que a cota defraudada por este imposto no exercicio 2011 ascende a 4.308.547,02 euros, e no exercicio 2012 a 4.039.592,01. Ademais, resalta que tiña ao seu servizo a un número importante de axentes comerciais que neses anos investigados non emitiron factura polos servizos nin se lle practicou a retención correspondente, de tal modo que deixaron de retérselle 347.104,87 euros en 2011 e 323.411,95 en 2012.