O rastro solidario da AECC abre as súas portas na rúa Michelena

Pontevedra
15 de novembro 2019

O mercado estará aberto ata o 15 de xaneiro na antiga sucursal do banco Santander e os clientes poderán comprar produtos tan variados como mobles, roupa, cadros, bixutería ou xoguetes

Inauguración do mercadillo solidario da AECC Cristina Saiz

O tradicional mercado solidario da Asociación Española Contra o Cancro abriu as súas portas este venres na rúa Michelena. Ata o 15 de xaneiro, os consumidores poderán comprar toda clase de produtos e contribuír á loita contra esta enfermidade.

"O diñeiro destínase a axudas sociais, traballo social, campañas de prevención e sobre todo investigación, que é onde lle gañamos a batalla ao cancro", declarou a presidenta da asociación na provincia, Marisé Crespo, na inauguración da vixésimo sexta edición do mercadillo.

Desde o colectivo márcanse como obxectivo para esta campaña superar os 22.000 euros recadados na edición anterior. Entre os artigos que poden atoparse os que se acheguen á antiga sucursal do banco Santander nesta céntrica rúa pontevedresa figuran mobles, roupa, xoguetes, bixutería, cadros...

"A xente vén buscando moita roupa, tamén hai un grupo de expertos anticuarios que veñen sempre en busca da ganga. Hai pezas no mercado a 800 euros que aquí as atopan por 50 ou 60. Un cadro antigo o ano pasado taxáronnolo en 700, puxémolo a 200 e ao día seguinte vendeuse", sinala Crespo.

Explica a presidenta da asociación que desde a delegación de Galicia subvencionaron este ano trece proxectos de investigación, pero co recadado e a colaboración da cidadanía "tentaremos xuntar diñeiro para que sexa algún máis", concluíu.