O Punto de Atención Temperá de Cuntis, un servizo "irrenunciable" para 60 menores da comarca

Barro
23 de decembro 2021

O Servizo de Atención Temperá posto en marcha pola agrupación de concellos de Cuntis, Barro, Caldas de Reis, Moraña, Portas e Catoira cumpre tres anos e dous meses de funcionamento cun balance satisfactorio para os seus promotores

Usuario do Servizo de Atención Temperá de Cuntis Concello de Cuntis

O Servizo de Atención Temperá posto en marcha pola agrupación de concellos de Cuntis, Barro, Caldas de Reis, Moraña, Portas e Catoira cumpre tres anos e dous meses de funcionamento cun balance satisfactorio para os seus promotores.

Este punto de atención, ubicado no Centro de Formación Ocupacional do polígono de A Ran de Cuntis, atende actualmente a uns 60 cativos e cativas, segundo o balance realizado polo Concello de Cuntis.

Este servizo ten actualmente unha psicopedagoga, unha fisioterapeuta e unha logopeda que ofrecen aos menores con alteracións que acoden ao centro os coidados especializados necesarios para o seu desenvolvemento integral. 

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, fixo unha valoración moi positiva deste período afirmando que para todos os concellos se converteu nun "servizo esencial e irrenunciable" grazas ao que poden prestar unha atención especializada e fundamental á poboación infantil da comarca con alteracións de desenvolvemento ou risco de padecelas. 

Segundo este rexedor, todos os municipios están "moi satisfeitos" cun servizo que é unha "garantía de integración social" para os nenos e nenas de 0 a 6 anos con problemas evolutivos e unha ferramenta fundamental para as súas familias.

Así, puxo de manifesto o compromiso da agrupación de municipios para seguir ofrecendo de maneira conxunta este servizo no futuro.

A xestión do servizo realízaa o Concello de Cuntis que, tal e como establece o convenio, encárgase dos aspectos materiais (instalación e mantemento), da xestión do persoal, da tramitación administrativa así como da contratación das actividades ou prestacións necesarias, entre outras cuestións.

O servizo ofrécese no marco da Rede Galega de Atención Temperá a través do cofinanciamento do Fondo Social Europeo (FSE) Galicia 2014-2023, asumindo cada concello da agrupación o seu compromiso de execución

O obxectivo último do servizo é o de promover a igualdade, a saúde e a inclusión social mediante un conxunto de intervencións dirixidas a facilitar a autonomía persoal e a inclusión dos nenos e nenas.