O grupo municipal do PSdeG-PSOE en Poio ven de presentar unha moción pola que pide ao Concello que inste á Xunta para que Portos de Galicia execute o proxecto previsto para a zona portuaria de Covelo.
Os socialistas lembran que este proxecto está comprometido dende o ano 2.009 e asegura que o Partido Popular o ten "metido nun caixón dende aquela, con desculpas e mentiras".
"Os veciños de Samieira demandan que se cumpra o comprometido como quedou acordado coa firma do convenio no ano 2022, que permitiu a mellora da zona portuaria de Raxó, onde as autoridades aseguraron diante dos colectivos que integran a Comisión de seguimento dos Portos de Raxó e Covelo que a continuación se executaría o proxecto de Covelo", din dende o PSOE.
O convenio acordado establecía un investimento para a zona portuaria de Covelo de 2.200.000 euros dos que executaron soamente 300.000 euros na mellora da ponte que estaba en risco de colapso estrutural.
O PSOE sinala que o entorno de Covelo "necesita unha actuación urxente" que inclúa a substitución dos servizos como esta previsto no proxecto, "que evite os numerosos problemas que se están a producir, como aconteceu neste verán con vertidos reiterados e afundimentos no asfalto do paseo, sen que o concello fose capaz de dar resposta".
Os socialistas acusaron ao alcalde Ángel Moldes e ao Partido Popular de "bloquear sistematicamente" estes proxectos e din que "só decidiron mover ficha cando con Fondos Europeos iniciamos a mellora de Ramón Encinas en Raxó". Agora reclaman que se cumpla co comprometido con Samieira.