O PSOE sostén que 'Ence si, pero non aí' e aposta por unha mesa de negociación para o traslado

Pontevedra
05 de novembro 2019

O candidato socialista Guillermo Meijón ao Congreso afirma que o seu partido aspira o vindeiro domingo 10N a acadar catro deputados en Pontevedra, "coa ilusión do quinto"

Almorzo informativo dos candidatos socialistas Guillermo Meijón e Marica Adrio PSOE

Guillermo Meijón, número 2 da lista do PSOE ao Congreso, indicaba este luns que os socialistas continúan mantendo a súa postura sobre a situación da fábrica pasteira na ría de Pontevedra: "Ence si, pero non aí"

O candidato afirmaba durante un encontro coa prensa que o tema de Ence atópase en mans dos xuíces, que deberán decidir sobre a prórroga de 75 anos concedida polo goberno de Mariano Rajoy, unha prórroga que "entendiamos que era unha auténtica animalada".

Meijón sinalou que é necesario un cambio de localización para seguir xerando postos de traballo dentro da comarca e aposta por crear unha mesa de negociación na que desexan que se atope o conxunto das forzas políticas, entre as que inclúe ao PP de Núñez Feijóo. O representante socialista criticou que o presidente da Xunta renegue agora do traslado pero lembra que o Partido Popular votou no Parlamento de Galicia a favor dese traslado da fábrica pasteira e que Telmo Martín obtivera o mellor resultado do PP en Pontevedra, con 12 concelleiros, cando se comprometeu ao peche de Ence.

Tanto Guillermo Meijón como a número dous ao Senado,  Marica Adrio, mostraron a súa confianza para a cita coas urnas do próximo domingo 10 N. Esperan obter catro deputados en Pontevedra e manteñen a ilusión de lograr o quinto.