O PSOE reclamará no Pleno da Deputación que o PP renuncie a repartir fondos "a dedo" e continúe co Plan Concellos

Pontevedra
19 de setembro 2023

O grupo socialista presenta unha moción "para que non se perda o legado de reparto obxectivo de tódolos fondos destes últimos 8 anos"

Deputados do PSOE no Pleno provincial da Deputación de Pontevedra Mónica Patxot

O Pleno ordinario da Deputación, que se celebrará o próximo día 29, abordará unha moción que o grupo provincial socialista vén de rexistrar "para que se manteña o Plan Concellos e que tódolos investimentos extraordinarios para equipamentos e dotacións municipais do mandato aos concellos de menos de 50.000 habitantes sexan repartidos a través de plans de concorrencia competitiva con criterios obxectivos".

O voceiro socialista, Carlos Font, afirma que despois de tres meses de Goberno do PP "é hora de que o PP comece a falar do que importa, que é o modelo que vai implantar para o financiamento dos concellos, porque nolo están pedindo alcaldes e alcaldesas de toda a provincia, que están moi preocupados". 

"Queremos, para que se entenda ben, que o PP se comprometa a non volver aos tempos de Louzán ou de Baltar, repartindo cartos a dedo aos concellos da súa cor política", engadiu.

A moción insta así ao Goberno provincial a manter o Plan Concellos, que este ano supón 43,5 millóns de euros, como "pedra angular do financiamento estable" e que a dotación creza o mesmo que o Orzamento provincial de 2024 e, en todo caso, "un mínimo dun 3%". 

Ademais, o texto que se someterá a votación insta ao Goberno provincial a que tódolos investimentos extraordinarios que se liberen ao longo do mandato para equipamentos e dotacións municipais sigan a ser distribuídos "con bases obxectivas e criterios de concorrencia competitiva".

En canto a Pontevedra e Vigo, que se regulan polo réxime de grandes cidades, o PSOE defenderá que a Deputación continúe financiando grandes actuacións a través de convenios pactados con transparencia e en colaboración cos seus gobernos municipais.