O PSOE provincial afirma que Luis López leva un ano gobernando na Deputación "sen ideas, sen ambición e só con palabrería"

Pontevedra
03 de xullo 2024

Ana Laura Iglesias, portavoz provincial do grupo socialista na Deputación, fixo un balance do ano que o Partido Popular leva á fronte da institución provincial sinalando que este goberno de Luis López pasou seis meses paralizado e outros seis "ao tran tran". Considera que foi un ano de marcha atrás por "inacción e vagancia". Sinalan que regresou a censura, a "cultura do chiringuito" e a parálise absoluta poñendo como exemplo a falta de xestión das subvencións dos clubs deportivos, que continúan sen recibir as axudas provinciais

Representantes do grupo provincial do PSOE no edificio administrativo da Deputación Mónica Patxot

Ana Laura Iglesias, portavoz do grupo provincial socialista, ofrecía acompañada polos integrantes da agrupación a súa visión do ano que Luis López, do Partido Popular, leva á fronte da Deputación de Pontevedra.

Criticou o "balance triunfalista" realizado por López esta mesma semana e atacou o lema popular: "lonxe de tender pontes, parece estar voando pontes", manifestou Iglesias.

A representante socialista incidiu en que o goberno provincial pasou "seis meses paralizado coas pantallas en modo pausa" e outros seis meses "ao tran tran" reaccionando ás denuncias que realizaba o PSOE.

"Un ano de marcha atrás, de inacción, de escaso traballo, de vagancia", cualificou Ana Laura Iglesias a xestión do PP á fronte da institución.

Lembrou a "precipitada saída" de Marta Fernández-Tapias, vicepresidenta primeira da Deputación, aos poucos meses de asumir o cargo e insistiu en que o goberno actual "vive de proxectos que non son seus. O único que fixeron foi cambialos de nome", expuxo sinalando que o goberno de Luis López non achegou "nin unha soa idea nova".

Iglesias tachou de "falacia" as críticas populares á falta de fondos na Deputación ao sinalar que a institución conta cunha liquidez de case 200 millóns de euros, despois da etapa do bipartito, que encabezaba a socialista Carmela Silva.

Acusou ao PP de realizar "purgas nas xefaturas e caza de bruxas" ou de tentar frear escándalos como o do deputado da Guarda "cobrando sobresoldos" ou o "caciqueo" das entradas do partido da selección feminina disputado no Estadio de Pasarón.

A deputada socialista asegurou que con este goberno "volve á censura" sinalando tamén o cesamento do director do Museo de Pontevedra como unha "purga ordenada por Rueda" co obxectivo de "volver á cultura do chiringuito".

Ademais lamentou a utilización partidista dos plenos provinciais por parte do PP "funcionando como unha sucursal de Génova para criticar a Pedro Sánchez".

Ana Laura Iglesias fixo fincapé na parálise total nas infraestruturas ao sinalar que todas as obras deste ano en estradas foran redactadas, aprobadas, adxudicadas e financiadas polo goberno bipartito.

"Agora non hai ningunha obra nova", denunciou para cualificar ao equipo de Luis López como un goberno "sen ideas, sen ambicións e só con palabrería".

Tamén criticou o castigo a asociacións de mulleres coa eliminación do servizo específico de Igualdade integrándoo en Benestar Social "sen programación propia"; de maneira similar ao que sucede coa supresión das áreas de memoria democrática, sinalaron os socialistas.

"En Cultura racharon con oito anos de vangarda para pasar á nada absoluta", adviritó para explicar que en materia deportiva "nunca se demorou tanto as subvencións a clubs" alertando de que na actualidade as entidades deportivas seguen sen cobrar as axudas provinciais: "non foron capaces de sacar as bases dás subvencións", que co bipartito publicábanse no mes de febreiro.

"É un claro exemplo de vagancia e de non saber traballar para os cidadáns", concluíu Ana Laura Iglesias, anunciando que o grupo provincial do PSOE seguirá denunciando estas situacións e traballando para "mellorar a vida" da cidadanía pontevedresa.