O PSOE propón implantar un protocolo de acoso ou abuso sexual en locais de lecer nocturno

Pontevedra
15 de abril 2023

O candidato socialista á alcaldía, Iván Puentes, xunto coa parlamentaria Paloma Castro, protagonizaron este sábado o faladoiro 'Hoxe falamos de... Igualdade', no que deron a coñecer iniciativas do seu programa electoral

Acto 'Hoxe falamos de... Igualdade' do Partido Socialista de Pontevedra PSdeG-PSOE

O candidato socialista á alcaldía, Iván Puentes, xunto coa parlamentaria Paloma Castro, protagonizaron este sábado a charla 'Hoxe falamos de... Igualdade', na que deron a coñecer iniciativas do seu programa electoral para os comicios municipais do 28 de maio.

Desde a Praza da Peregrina, apostaron pola implantación dun protocolo que permita unha resposta rápida e efectiva ante situacións de acoso ou abuso sexual que se poidan producir nos locais de lecer nocturno, en coordinación cos propios establecementos, e a activación dun programa de asistencia multidisciplinar a mulleres vítimas de prostitución e de trata.

Ademais, explicaron, tamén se contemplan a creación dun órgano de seguimento da transversalidade de xénero no seo da administración municipal ou a aprobación dun plan de igualdade propio para o persoal do Concello.

"Só situando á igualdade como eixo central da nosa acción política poderemos lograr ser un referente e alcanzar a igualdade real en Pontevedra, un obxectivo que precisa dunha importante dotación orzamentaria, con fondos propios que complementen os recibidos por outras administracións para a execución das medidas recollidas no Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero", defendeu nun faladoiro aberto á cidadanía o candidato do PSOE en Pontevedra.

Ademais do exposto "tamén imos consolidar e expandir os Puntos Lilas que prestan un servizo de sensibilización e asistencia ás mulleres en coordinación coa Policía Local, garantindo unhas festas libres de violencia; e acompañaremos os eventos festivos con campañas previas de concienciación", confirmou Puentes.