O PSOE propón aproveitar a auga dalgunhas fontes naturais para encher depósitos ou baldeos

Marín
08 de agosto 2022

Segundo explicou Marín dispón dunha ducia de fontes naturais, xa moi próximas á súa desembocadura no mar, "que verten auga durante 24 horas ao día sen que se estude o seu aproveitamento parcial e compatible cos outros usos que xa se fan desa auga e coa súa función ecolóxica"

Fonte de Mogor PSOE de Marín

O portavoz do Partido Socialista en Marín, Manuel Pazos propuxo aproveitar a auga dalgunhas fontes naturais para encher depósitos ou facer baldeos.

Segundo explicou Marín dispón dunha ducia de fontes naturais, xa moi próximas á súa desembocadura no mar, "que verten auga durante 24 horas ao día sen que se estude o seu aproveitamento parcial e compatible cos outros usos que xa se fan desa auga e coa súa función ecolóxica".

Manuel Pazos cita como exemplo a fonte de Mogor que, segundo afirma, "bota cada día bastante máis de 70.000 litros de auga".

O PSOE de Marín pide ao goberno local "que estude a canalización de parte desa auga cara a tanques ou depósitos portátiles" que despois poidan ser empregados para encher depósitos veciñais que se atopen en situación crítica, "a condición de que podamos garantir a calidade sanitaria da auga".

Así mesmo, se a calidade da auga non fose óptima, apunta Manuel Pazos que "tamén a poderiamos empregar para limpar as rúas de Marín, porque é importante destacar a enorme sucidade existente nas rúas de Marín e advertir que en poucos días producirase a Festa Corsaria e o estado xeral das rúas será sen dúbida lamentable".